"Antes traballaba en Springfield, agora veño para aquí, necesitan técnicos cualificados", conta un tal Homer Simpson na bitácora Made in Galiza. "Eu redactei o plan de seguridade", confesa Simpson, "confiade en min".
No mesmo blog poden ver tamén a Heidi contarlle a Pedro que "a Xunta legalizou outra canteira na montaña, teño que dicirllo ao avoíño". "Irei algún día do Courel a Compostela por terras liberadas", pregúntase o avó.
Desde a Plataforma da Costa Ártabra envíannos foto do mural debuxado en Fene con picassiana inspiración: "Defender a vida e a ría, evitar unha traxedia".
Na bitácora da Plataforma poden ver galería de imaxes da manifestación da pasada fin de semana en Ferrol.
O retirado líder dos socialistas estremeños segue deixando extravagancias para a opinión pública mesmo desde a súa xubilación política.
En declaracións na Cadena Ser, Juan Carlos Rodríguez Ibarra sostivo hai poucos días que "desde que a mili xa non é obrigatoria só os pobres van á guerra". "Se tiveran que ir os ricos todo o mundo estaría en paz, porque xa non iría ninguén", opinou o ex presidente de Estremadura. As súas palabras viñan ao fío da recente morte en Afganistán dun soldado do exército español de orixe ecuatoriana.
Confiar nas máquinas para poder ofrecer unha versión na nosa lingua de novas redactadas orixinalmente en castelán pode traer malas pasadas. Se xa se teñen dado casos como o da conselleira María Xosé Loiro, este pode ser máis grave polas connotacións que leva consigo. Na edición de hoxe de La Voz de Galicia pódese ler isto: "Corrédevos compra dous locais en Monte Alto para montar unha nova oficina postal".
Escríbenos unha lectora que estivo esta fin de semana na praia da Arnela, en Fisterra. O día de sol trouxo sombras.
Doo-dloo-doo-doo-doo
Doo-dloo-doo-doo-doo-doo
Doo-dloo-doo-doo-doo-doo
Doo-dloo-doo-doo-doo-doo...
I'm singing in the rain
Just singing in the rain
What a glorious feelin'
I'm happy again
I'm laughing at clouds
(...)
A ver se recoñecedes ese señor de gafas e paraugas na bitácora de Berto.
O Hospital Modelo, na Coruña, foi actualidade hai días polos presuntos problemas cos galegofalantes dunha pediatra do centro.
De momento non temos noticia de que a dirección do centro pedira desculpas. Desde a Ciberirmandade consideran que alén de tomar medidas para que este tipo de situacións non se repita sería bo que o galeguizasen a súa web.
Deixámosvos a ligazón para envíarlles a petición.
Hai tempo que vos contamos do proxecto Cabodomundo, a primeira serie de televisión comunitaria feita en Galiza.
Coordinada pola xornalista Comba Campoy e coa participación de máis de medio cento de veciños de Chantada, foi emitida pola televisión local da vila, Televinte.
Agora podedes vela en liña en Culturagalega.tv.
O colectivo Adena analizou un conxunto de variábeis en todo o Estado, atopando que Galiza é onde existe maior perigo de incendios.
Con todo, seica as mangueiras do servizo antilumes aínda son competencia de Pachi Vázquez. Mirando o detalle do informe vemos que só considera parámetros até o verán de 2005. Así por exemplo, refírese ao Plan Infoga de 2003 e sinala que as competencias en extinción lle corresponden á consellaría de Medio Ambiente.
Aquí podedes consultar o informe completo (.pdf)
Velaí a bitácora como arma política, desta volta aproveitada por unha corrente crítica dos socialistas galegos.
Críticos coa xestión de Modesto Pose no PSdeG pontevedrés, poñen na rede unha bitácora onde piden que deixe o seu posto. En concreto, acúsano de "lavar as mans" no recente caso da declaración como "inelixíbel" por parte da xunta electoral do xa ex alcalde de Vilagarcía, Enrique León, aínda que a lista de reproches abranguería outros casos.
"A executiva? Ben, un grupo de xente inexperta (con moito descaro e ningunha preparación política)", adícanlle os díscolos aos líderes do PSOE vilagarcián en Modestoposedimision.blogspot.com.