Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Blog


Redacción - 09:00 21/03/2008

Vieiros non se actualizará este venres 21 de marzo

A redacción de vieiros non traballará este venres. Volveremos o sábado 22 de marzo.

0 comentarios


Redacción - 12:30 03/02/2008

Regalo dominical

Contaxiados pola voráxine xornalística que asola o país, de regalaren os domingos até os calcetíns do redactor xefe, aproveitamos o presente día para agasallarmos tamén nós, aos nosos benqueridos e fieis lectores, cun fabuuuuulooooooosoooo politón.



Descarga aquí o 'lobitón' (.mp3 / 88KB)

3 comentarios


Redacción - 19:44 19/01/2008

Problemas no acceso a Vieiros

Entre as 12.00 e as 15.00 horas deste sábado, debido a problemas no servidor alleos a este xornal, estivo inaccesíbel a entrada a Vieiros. Desculpen as molestias.

5 comentarios


Redacción - 14:30 04/01/2008

África di non

Editorial de Ignacio Ramonet en Le Monde Diplomatique:

"E deste xeito, malia a arrogante Europa, o inimaxinábel produciuse: nun arranque de orgullo e enfado, África, que algúns crían sometida por pobre, dixo que "non". Non á camisa de forza que supón os acordos de asociación económica. Non á liberalización salvaxe dos intercambios comerciais. Non aos últimos sobresaltos do "pacto colonial". Isto tivo lugar en Lisboa, en decembro, na cimeira UE-África cuxo obxectivo principal era obrigarlle aos países africanos a asinar novos tratados comerciais antes do 31 de decembro de 2007 en aplicación dos acordos de Cotonou que prevén o final da Convención de Lomé segundo a cal as mercancías que proveñen das antigas colonias africanas entran na UE practicamente sen dereitos de aduana excepción feita dos produtos sensibles como o azucre, a carne e o plátano, para os produtores europeos.

Dito doutro xeito, os 27 esíxenlle aos países africanos (e aos do Caribe e Pacífico) que acepten deixar entrar nos seus mercados as exportacións da UE, sen dereitos de aduana. O Presidente senegalés denunciou as presións, e negouse a asinar, deulles coa porta. O Presidente de África do Sur apoiouno inmediatamente. Ao mesmo tempo Namibia tomou a valente decisión de non asinar. Ata o Presidente francés, que fixera declaracións pouco acertadas en xullo de 2007 en Dakar, ofreceu o seu apoio aos países que máis opostos eran a este tratado leonino.

O Cumio de Lisboa fracasou. José Manuel Barroso, Presidente da Comisión Europea viuse obrigado a ceder e aceptar as reivindicacións dos países africanos para poder continuar cos debates. Comprometeuse a retomar as negociacións en febreiro próximo. Esta vitoria importante de África é un sinal máis da boa situación que vive o continente. As economías continúan prosperando -até cando as desigualdades sociais continúan- e están dirixidas por unha nova xeración de mozos africanos".

3 comentarios


Redacción - 11:00 28/12/2007

O crime de Cambados : eivas na cobertura mediática

Polo seu interese reproducimos a análise que o Observatorio dos Medios, dependente do Colexio Profesional de Xornalistas, realizou sobre a cobertura informativa que fixeron os medios sobre o crime de Cambados:



A raíz da cobertura que os medios de comunicación fixeron do crime perpetrado por un garda civil que matou dun disparo á súa ex noiva no interior do cuartel de Cambados, o Observatorio Galego dos Medios do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, reitera o deber que teñen os xornalistas de observaren as normas éticas e profesionais ás que os obriga a súa condición de mediadores entre os feitos e a sociedade. É ao que responden as recomendacións que de maneira consensuada foron recollidas no seu día (16 de outubro de 2004) na “Declaración de Compostela”, algunhas das cales foron incumpridas neste caso. Ao respecto, o Observatorio quere subliñar eses incumprimentos:

1.- Algúns dos medios que cubriron ese execrable crime incluíron a información na sección de Sucesos, e no seu defecto, en páxinas ou bloques informativos habitual e rutinariamente destinadas a crimes e delitos diversos. Desta maneira, restáronlle a ese acto de violencia contra a muller que acudira precisamente ao cuartel para denunciar ao seu agresor a súa dimensión social, ou mellor, a súa identificación como problema social que é. Da mesma maneira que nos atentados terroristas queda claro que o asasinato non é un crime máis, senón que está incardinado nun contexto político e que quen mata está ligado a unha determinada ideoloxía, debe quedar tamén claro que os asasinatos de mulleres –ou no seu caso, as agresións que elas sufriran- a mans de homes polo simple feito de seren mulleres, beben da ideoloxía patriarcal e han ser presentados nos medios de comunicación incardinados no contexto da violencia de xénero. Porque se trata da mesma ideoloxía da que beben as desigualdades entre mulleres e homes que se manteñen na vida cotiá, a mesma que actúa como motor da violencia de xénero. Neste caso concreto, a posición de dominio que asumiu o agresor: ou miña ou de ninguén.

2.- Así mesmo, a maior parte dos medios esforzáronse por explicar o comportamento criminal do home en base aos efectos do alcohol, da depresión ou do seu carácter agresivo. Agora ben, o estado de suposta embriaguez non lle impediu moverse con precisión no escenario do crime, nin tampouco matar á que fora a súa noiva dun tiro certeiro. Priorizando esas circunstancias sobre o acto criminal en si, algúns medios contribuíron a atenuar a brutalidade e a culpabilidade do agresor. Este tipo de actos deben explicarse atendendo á súa última causa, nunca priorizando as circunstancias colaterais no relato xornalístico.

3.- Aínda que a vítima non teña xa a posibilidade de defenderse, como é o caso, segue íntegro o seu dereito á intimidade. A práctica totalidade dos medios que cubriron este crime non só claudicaron nisto, senón que como consecuencia diso incumpriron tamén o deber que teñen de respectar o dereito ao anonimato dos familiares da vítima.

4.- Nos relatos xornalísticos publicados ou editados non se esforzaron os seus autores en dar conta, como se vén recomendando e mesmo como se ten consensuado ultimamente entre responsables de igualdade nos gobernos e representantes de medios, daquela información –datos, recursos, entidades de apoio e asesoramento- que ha ser útil para que outras mulleres que se sinten ameazadas e acosadas, como o estaba esta muller de Cambados, saiban a que aterse, e non acaben sendo vítimas mortais de homes violentos. E tamén porque é como se as pode animar desde os medios, para que casos tan graves de violencia de xénero non acaben producindo nas que estean sufrindo a mesma situación un efecto disuasorio, buscando pola contra a maneira de saíren da espiral de violencia na que estiveran atrapadas.

5.- É preciso insistir en identificar a violencia contra as mulleres como unha violación dos dereitos humanos. Os medios de comunicación non acostuman identificar como tal a violencia de xénero, nin adoitan cualificala como unha violencia estrutural, a non ser que recollan as verbas dalgunha fonte que así o faga.

6.- Nas informacións sobre este crime vertéronse algunhas contradicións, derivadas da maneira en que utilizaron as versións das fontes, e nesa medida os medios que as trasladaron provocaron confusión nos seus receptores. É necesario que medios e xornalistas validen a fiabilidade e a credibilidade da información que lles cedan as fontes, sobre todo tratándose de fontes oficiais (policiais, gobernamentais…) e de fontes espontáneas e testemuñais (veciños/as, compañeiros/as…), antes de integrala nos relatos definitivos –escritos ou audiovisuais-. Da iniciativa propia e da dilixencia na investigación que leve a cabo o xornalista hase derivar un tratamento e uns contidos que respondan ao seu compromiso coa verdade e á solidariedade coa vítima. A utilización de fontes que ademais de plurais en número sexan cualitativamente diversas, e de fontes expertas ou con coñecementos no ámbito da violencia de xénero (practicamente ausentes nas informacións sobre o crime de Cambados), garante en boa medida eses compromisos profesionais e esa dilixencia. Do contrario, pode ocurrir e de feito ocurre que nas informacións deste tipo se perpetúen os prexuizos e estereotipos tradicionais, culpabilizando á vítima, ou como fixo algún medio no tratamento que lle deu a este crime, xustificando ao agresor ao aducir por boca de fontes espontáneas que se trata dun bo home que simplemente tivo un mal momento.

3 comentarios


Redacción - 13:30 20/12/2007

Linguas para falarlle de Galiza ao mundo?

O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, deu a coñecer este mércores o portal web DesdeGaliciaParaElMundo.com, unha web da que falou coma "salto cualitativo de enorme importancia no que se refire á proxección de Galicia no mundo".

Por desgracia, a web sofre do mesmo problema que o programa televisivo no que se inspira e ao abeiro do que nace: o uso do castelán como lingua de comunicación cos galegos espallados "por todos os recantos do planeta".

Seguro que os galegos da diáspora poderían acceder sen problema a un produto similar realizado en galego, e seguro que hai mundo, ademais do castelánfalante, ao que lle pode interesar o que poida dicir e ofrecer Galiza.

7 comentarios


Redacción - 13:15 17/12/2007

Bolivia: Unha Constitución Ecolóxica e Social

Unha recomenda, artigo de Gustavo Duch, director de Veterinarios sen Fronteiras (publicado en El Punt):

"Seguramente moitas editoriais e moitos comentaristas deste lado rico do mundo, dirán que o novo texto constitucional para Bolivia, trátase dun documento populista, como todo o que hai detrás das propostas de Evo Morales (logo de moitas décadas de gobernos en mans da minoría branca, o primeiro Presidente indíxena).

Eu presteille atención ao tratamento que a nova Constitución lle dá aos temas agrarios, e só podo cualificalos de coherentes. Pensemos que falamos dun territorio que conta cun gran potencial na súa agricultura, con grandes riquezas no seu subsolo e é un dos países máis ricos do mundo en diversidade biolóxica. Pero pola contra un 80% das xentes que viven no medio rural son pobres, polo cal o tratamento de devandito artigo paréceme fundamental.


As súas formulacións pensan na lóxica do campo e non na lóxica monetaria. O texto oriéntase en favor de políticas que xeren emprego campesiño, que sexan respectuosas co medio ambiente e na produción, finalmente, de alimentos de calidade para a súa poboación. Hai algunhas medidas, que quero destacar. Prohíbese o latifundio, estrutura colonial culpable de tantas inxustizas rurais, para darlle prioridade ás pequenas parcelas e á propiedade comunitaria. Redistribuiranse (mellor expresado sería, restituiranse) terras do estado a aquelas comunidades que as necesiten, sempre baixo a premisa de "terra para o que a traballa, e de forma sustentable", non para a especulación. Atendendo, por certo, tamén a promover políticas dirixidas a eliminar todas as formas de discriminación contra as mulleres no acceso, tenencia e herdanza da terra. Márcanse políticas de soberanía alimentaria, é dicir políticas agrarias dirixidas a impulsar e facer viables a pequena agricultura familiar orientada cara ao mercado nacional, algo que Europa e EEUU viñeron defendendo para eles historicamente. E como para impulsar a agricultura a pequena escala, non teñen ningún sentido, pero si moitos perigos, a Constitución prohibe o uso de transxénicos. Para rematar, o aproveitamento dos recursos naturais renovables deberá ser sempre sustentable, é dicir, poderanse establecer medidas para asegurar a súa preservación, conservación, recuperación e restauración. Ecoloxismo dos pobres, ecoloxismo indíxena, que camiñan con coidado por encima da súa terra"

3 comentarios


Redacción - 09:35 12/12/2007

Problemas tecnotrónicos

Entre as 8h50 e 9h20 deste mércores e debido a problemas no servidor, estivo inaccesíbel a entrada a Vieiros. Desculpen as molestias.

2 comentarios


Redacción - 11:15 11/12/2007

O candidato "Dani Galiza"

Frikerío de ficción política que ven de chegar polas corredoiras informáticas.

2 comentarios


Redacción - 11:15 07/12/2007

Oportunidade, non posibilidade

Guido Álvarez, estudante lugués de Turismo na Universidade da Coruña, envíanos esta reflexión:


"Non perdeu Chávez, non perdeu a revolución bolivariana. Aínda que o poder do medo e da desinformación conseguira seguir lavando cabezas, non perdeu Chávez. Se alguén quere sabelo, non era ningún referéndum revocatorio, nin era un Chávez contra Anti-Chávez. O que se perdeu foi un referéndum para a reforma constitucional.

Caeu o mito dos “profesores de democracia” que trataron de “república bananera” ó goberno do ¿dictador? Chávez, ese ¿caudillo? que ía manipular as votacións do referéndum para ¿perpetuarse? no poder (e dicir, conseguir o que xa hai en España, que é que un mesmo candidato poida presentarse ilimitadas veces as eleccións. Ou era Felipe González tamén un dictador?).

Mentres os corderitos espectadores da totalidade da televisión española (non se salvou nin unha) despotricaban contra un referéndum do que descoñecían o seu fin (pero Chávez é un asasino, iso si)… Mentres que a xente se “preocupaba polo ben de España” (non vaia ser que os indixentes venezolanos queiran comezar a ter saúde e educación e se den conta de todo o que lles estamos roubando)... Mentres tanto, en Venezuela vivíase o día do chamado electoral con total normalidade, gañando o rechazo a reforma constitucional (limpamente, sen ningún financiamento internacional, sen ningunha influencia dos cándidos medios de comunicación de todo o planeta que ,sen ningunha dúbida, informan sen ningun tipo de interese por medio, polo ben da humanidade… e dicir, en condicións tan democráticas como cando unha familia elixe se mercar tarta de queixo ou de chocolate. ¿Non? Ejem…).

Pese a todo ese 49.3 % e o resto do planeta que os entendemos perdemos unha oportunidade de avanzar, pero non a posibilidade de avanzar, xa que en Venezuela aínda restan cinco anos no sistema democrático (aínda hai alguén que o dubide?) para demostrar a forza dos que históricamente sempre foron maltratados, e por primeira vez en Venezuela sacan a cabeza pra falar de integración e socialismo.

Pra os que sentían o temor que sempre queren difundir os poderosos (os preocupados polas súas empresas en Venezuela, pola estabilidade do seu mandato nos Estados Unidos, polas súas propiedades e riquezas no seu país…), quizáis este é un momento para reflexionar, un momento pra pensar por un mesmo e non pola opinión masticada polos de arriba."

1 comentarios



Flickr

Mustafa Abdülcemil, líder do tártaros de Crimea Igrexa en Foros, ao sur de Crimea / Autor: HungryForester Koktobel, ao sur de Crimea / Autor: Ruslik Kefe / Autor: dlia_4erez_v Crimea / Autor: sergey.ring Crimea / Autor: sergey.ring2 Haspra / Autor: Argenberg Antiga cidade de Chersonesos, en Akyar/Sevastopol / Autor: Argenberg Balaklava / Autor: Lyncis

Del.icio.us