Foi unha operación como a de Perejil, pero con máis tralla. As brigadas dinamiteiras do goberno central dispuxéronse a executar o operativo de derrube do monolito das Cíes con sixilo, contundencia e eficacia. E xusto o último día no que poderían facelo, horas antes de que se consumase a transferencia efectiva do parque natural das Illas Atlánticas –isto é, galegas– a Galicia, cousa que por absurda que pareza, aínda non se levara a cabo.
Hai xente que seguirá dicindo que a Terra é plana aínda que a monten nunha nave espacial e a poñan a dar voltas e máis voltas arredor do planeta azul. Évos xente de principios… e que ten claros os fins. Cando hai unha oposición tan grande a entender ou asumir a evidencia mostrada por todos os estudos serios que se fan sobre unha materia, está claro que non interesa facelo. É o que adoita suceder cos monolingües nun idioma dominante (con perdón da redundancia, pois nas sociedades modernas raramente hai monolingües en idiomas dominados). Contra toda evidencia científica, sempre hai un grupo deles máis intransixente que sostén que aprender unha lingua minorizada é, dende unha perda de tempo, ata un risco para o cerebro, pasando por un impedimento para adquirir cabalmente outro idioma de maior prestixio.
“Seguiremos enriquecéndonos, mais a pobreza persistirá”. É esa unha frase inmutable? Aumenta a produción mundial e aumenta o número de fábricas que producen miles de obxectos para saciar as nosas necesidades, pero a pobreza segue acompañando ao noso desenvolvemento. Parella á pobreza, está a emigración: millóns de persoas obrigadas a abandonaren a súa terra procurando un futuro mellor. Os homes sempre fomos nómades, sempre escapamos dos lugares que nos trataron mal: optamos polo sedentarismo cando descubrimos o benestar.
Un recente artigo de J.L Ortega en Vida Nueva –revista católica nada sospeitosa de radicalismo, aínda que hoxe en día todo podería resultar sospeitoso, dada a patoloxía ultramontana que penetrou boa parte do goberno da Igrexa-, poñía un dedo na chaga. Dicía o articulista: “A divulgación dun libro sobre Xesús Cristo –referíndose ao de Pagola- activou todas as alarmas eclesiais e tanto persoas como certas instancias puxeron en solfa o autor. Ao propio tempo, un programa radiofónico no que habitualmente se falta ao respecto e á caridade e que mereceu unha condena xudicial por inxurias, non recibiu o menor reproche público, sendo precisamente a Igrexa a propietaria da emisora”.
A desgrazada historia da axente electoral do PSOE pagada con fondos públicos faime pensar na relación entre ideoloxía e política, nos prexuízos cos que tamén afrontamos as diferenzas de pensamento. E usando o humilde poder que teño como cidadá, pregúntome: será logo certo que as diferenzas entre os uns e os outros esvaecen tan axiña como chegan ao goberno? Xa o dicía Churchill: "Se queres saber como é alguén, dálle poder".
Mesa de redacción
O Foro Galego de Inmigración, formado por máis de setenta asociacións e entidades de toda Galicia, fixo público o seguinte Comunicado en relación coa Directiva de Retorno aprobada polo Parlamento Europeo o mércores día 18 xuño, e as medidas que o goberno español anuncia no eido da inmigración, algunha delas, como o incentivo para o retorno voluntario, que foi aprobada no Consello de Ministros do venres día 20 de Xuño.