Remataron os Xogos Olímpicos de Beixín do mesmo xeito que comezaron, cunha espectacularidade total, e cun balanzo envexable no que ao exclusivamente deportivo toca. Michael Phelps coroouse como o nadador máis grande da historia, aínda que eu penso que os xuices lle axudaron a gañar unha medalla que debería ser outorgada a un competidor serbio que chegou antes ca el nunha das probas; Bekele deu un verdadeiro recital nas carreiras de 5.000 e 10.000 metros, amosando que os africanos son imparables nas medias e longas distancias e, sobre todo, Usain Bolt abraiou a todo o mundo coas súas tres medallas nos 100 e 200 metros lisos, e na proba de relevos. Foron tres ouros e outros tantos records. O espectáculo que deu na proba dos cen metros é digno de ser repetido unha e outra vez, e deitar a marca que tiña nos douscentos o xenial Michael Johnson séntao no trono dos máis grandes, por riba de Carl Lewis e quizais á altura de Jesse Owens.
A competición olímpica representa como ningunha a superación persoal e o xogo limpo (sempre e cando o teu país sexa poderoso, e nese caso xuices e árbitros, axudaránche), e por iso quixera determe no caso Usaín Bolt. Representaba ao seu país, Xamaica, a pesar de que tivo varias ofertas para marchar aos Estados Unidos, e así gañar máis cartos e ter unha mellor preparación. Pero Bolt preferiu ficar na súa casa, e agora demóstrase que os países pequenos tamén poden gañar, e superar os máis grandes e poderosos. Polo menos, Bolt era quen de escoller se corría coa súa bandeira ou con outra.
Non é ese o caso dos deportistas galegos, que só poden ir a uns Xogos Olímpicos coa bandeira de España, sintan ou non esas cores. Os responsables da delegación española encargáronse de advertir que alí só se ía a facer deporte, e non política, e ameazaron con expulsar a calquera persoa que fixese reclamacións ideolóxicas de calquera clase. O Comité Olímpico Internacional tamén axuda a asentar o statu quo, e colaborou coa China para que nada se movese. Foi un pacto interesado, algo así como “eu miro para outro lado coas túas vulneracións de dereitos e ti controla todo para que ninguén se mova”.
Os deportistas galegos acadaron catro medallas e tres diplomas, a proba de que é posible competir no mundo coa nosa marca diferenciadora, coa nosa identidade galega. Desgrazadamente, iso non se pode facer na actualidade e moitos medios de comunicación radicados no noso país contribúen a perpetuar este estado de cousas. Por exemplo, a información que suministraba a Televisión de Galicia na sección de deportes era cuspida á da Televisión Española. Falábannos dos “nosos representantes” cando se referían a un madrileño que competía en esgrima, ou a unha judoka burgalesa, ofrecían en cabeceira resultados de competicións por equipos nos que non competía ningún galego (baloncesto masculino) e, antes de destacar fazañas como a de Phelps, abrían cun lanzador de peso que é concelleiro do PP e que nin sequera chegou á final. Que lonxe estamos de ver un eido comunicativo exclusivamente galego.
Con estes ingredientes é difícil asentar na cidadanía a idea de que Galicia é competitiva. E tamén creo que moi poucos galegos renunciarían a competir coa súa bandeira se puidesen escoller. As institución do país deberían erguer este facho e demandar a oficialidade. Hai anos era imposible ver á selección galega de fútbol disputar encontros internacionais, hoxe iso é una realidade. Traballemos por completar ese obxectivo.
Eu sempre pensei q nos J.O. os atletas tinham sempre a possibilidade de competir baixo "bandeira olímpica" (isto é, "neutral") se assim o decidiam.
Igualmente, o COI fai o q lhe diga o comité nacional de turno, por isso há territórios não soberanos participantes. É dizer, se o COE quisera/deixara haveria representação galega de seu (a FIFA tem normas similares, no papel).
Jaora que sim Dani...Com optimismo, com a testa ergueita e com tuda a Dignidade um dia A PRIMAVERA HA CHEGAR e os valados da auto-xenreira cairam e caminharemos...como qualquer outro povo do universo dono de seu e do seu celme, como qualquer outra celula de universalidade...ceive, digna e solidaria...como os noss@s irmandinh@s aprenderam ao mundo...Obrigado polas tuas sempre acaidas reflexons
Os informativos da TVG (controlados polo PSOE) son cuspidiños ao colonialismo español máis decadente, hai milleiros de exemplos, até co accidente de Baraxas (moi importante para nós) fan un especial como se fosemos Madrid, para o accidente portugués unhas poucas frases.
Por que sempre que fan entrevistas elixen a castelán-falantes, especialmente a turistas? "Que bonitos son los caballitos, que buenó está el marisco...". Colonialismo puro e duro. O deporte xira sobre o estado español e as novas tamén até os sucesos. Lamentábel.
Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".