Un recente artigo de J.L Ortega en Vida Nueva –revista católica nada sospeitosa de radicalismo, aínda que hoxe en día todo podería resultar sospeitoso, dada a patoloxía ultramontana que penetrou boa parte do goberno da Igrexa-, poñía un dedo na chaga. Dicía o articulista: “A divulgación dun libro sobre Xesús Cristo –referíndose ao de Pagola- activou todas as alarmas eclesiais e tanto persoas como certas instancias puxeron en solfa o autor. Ao propio tempo, un programa radiofónico no que habitualmente se falta ao respecto e á caridade e que mereceu unha condena xudicial por inxurias, non recibiu o menor reproche público, sendo precisamente a Igrexa a propietaria da emisora”.