Alén da expresión dun loable desexo, dicir que a Xustiza é cega é afirmar algo tan evidente coma dicir que chove cara abaixo ou que Rafa Cuíña é nacionalista. Porque como tal convención social, a Xustiza carece de dimensión corpórea e, xa que logo, non ten nin pode ter ollos. E se non ten ollos, ademais de cega non pode ver, penso eu.
Sei que o día menos pensado, na estrada que une Antas de Ulla e Monterroso, un home vestido de verde sairá de detrás dunhas silveiras e vaime dar o alto; e cando chegue á casa, direille á muller: “Pilloume Tráfico ghiando sen mans”. “¡Era visto!” , dirame ela, amosándome así o seu incondicional e sempiterno apoio. Posiblemente ese mesmo día ou outro calquera, recibirei unha invitación por escrito da Conselleira de Cultura para asistir á voadura incontrolada do Chigre da Cultura, e poida que tamén teña que chamar ó Concello para informarme de como vai o tema da praza de gardería solicitada para a miña cativa.
Contadas así as cousas é coma se dera por sentado que existe algo chamado Tráfico, Concello, Conselleira de Cultura; e que ese “algo” semella ter vida, xa que fala, escoita, escribe e, por que non, pensa e decide. No caso de Tráfico, que veño de recoñecer que pegou un chimpo dende a silveira, as capacidades inclúen a mobilidade física. Semella, xa que logo, que nos atopamos ante seres vivos, de comportamento e formas “cuase-humanas”. E parece lóxico que así sexa xa que se trata de entes creados polo home á súa imaxe e semellanza. Compartirían categoría coas anteriores todas as institucións humanas, dende as máis simples e próximas –Asociacións de Mulleres do Rural, Comisións de Festas...- ata as mais complexas e etéreas –a Xustiza, a O.N.U., Can Barça-. Incluso Deus, a mais sublime convención social xamais creada, onde o creado crea ó seu propio creador, entraría no mesmo saco.
Pero ¿teñen vida propia? ¿Existen de seu? Non, por suposto. Vida propia tena Belarmino P.F., que fai de axente motorizado de Tráfico; e dona Ánxela Bugallo, que fai de Conselleira; e don Xosé Crespo e mailos concelleiros e mailos funcionarios, que todos xuntos fan de Concello de Lalín. Incluso unha pedra riba dun valado tamén existe de seu, aínda que a teñamos por unha vida perdida. Porén as Institucións non, elas viven de prestado, coma os bonecos dun titiriteiro.
Agora ben, que diga que detrás de cada institución ou convención social hai necesariamente persoas –una, varias ou moitas- non quita que recoñeza a utilidade desta superestrutura de entes incorpóreos, por medio da cal uns homes gobernan a outros de forma interposta. Seguramente para manter a paz social é mellor baixar os santos do ceo contra a Xunta e cagarse na nai que a pariu –por poñer un caso, que ben podía ser outro calquera-, que facelo contra persoas concretas, con nome, apelidos e domicilio habitual.
Saudos groveanos. Xa falaremos ti e mais eu...
Rómpesme os esquemas, prezado Sucasas. Mira que dicir que o home creou a Deus Noso Señor...
Saúdos mariñaos.
Non terá vostede unha crise de existencia social señor Sucasas?.
Voulle dar o enderezo dun amaña-esgaza testas arxentino para ver se pon orde a desfeita que ten vostede. De tódolos xeitos primeiro quero deixarlle as cousas un pouco claras.
Co Rafa, amodiño, o mesmo que ten na súa casa unha apañadora de votos, tamén pode ter unha canoneira ("...dous canonazos, e punto....).
O do garda civil non seria Fendetestas?, digo eu, polo xeito de pegalo chimpo dende a silveira.
Voar a Cidade da Cultura?. Non señor Sucasas, non....esa é unha teoría vella. Xa imos polo couce no cu os políticos que inventaron o ente, dous couces os que chegaron e tiraron adiante co invento, tres os que baixaron os ollos a terra, catro os que puxeron en pe unha Fundación que xestiona o invento con 51% do capital privado. Non quero seguir senón acabo facendo en Santiago unha Bastilla.
As institucións son entes incorpóreos creados para facer que se fae sen facer ren....Iso cando non lle dan polo cu a xente traballadora e decente ou fan calquera carallada cos seus cartos.
Logo, se a Rafa Cuiña lle gustan os deportes, do mesmo xeito que a Xunta e o Concello de Lalín son entes incorpóreos e a Cidade da Cultura e o Castro tecnolóxico entes corpóreos, a pregunta é: son Bugallo e Crespo entes doentes prós contribuentes? Perdémolo ser por descoidar o ente? Ou, pola contra, debemos confiar en San Roque? A todo esto: por que hai unha tendencia bidireccional pola zona de Lalín a falar de binimios PP-BNG?
Interesante pregunta a que fas señor bertus sobre o PP-BNG na zona de Lalín. Ó mellor entre Rafael e "Suqui" son capaces de contestarche, ainda que seguramente Rafael non dirá o que sabe, e "Suqui" non saberá o que dí.
José Luís Sucasas Fernández naceu en 1959 en Cadrón(Lalín). Economista e enxeñeiro técnico informático, concorreu en 2003 e 2007 nas listas do BNG do seu municipio. Como escritor publicou dúas obras: O paxaro que ninguén ve (2002) e Soñaron buratos na terra (2003).