Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Graciñas… eurodeputados Borrell, Obiols e Grau

09:45 04/08/2008

Coincido con Gaspar Llamazares (El País, 30/07/2008) en que “La Directiva de Retorno, también denominada acertadamente Directiva de la vergüenza, convierte la Europa de los valores en la Europa del miedo y esto en un continente que hasta mediados del siglo pasado lo fue de emigrantes, con decenas de millones de europeos que marcharon a las dos Américas huyendo del hambre, la guerra y el fascismo” e cústame aceptar que se estea atentando contra do espírito europeo sen que o goberno central se opoña ao retroceso.

Cómpre agradecer a valente actitude dos tres europarlamentarios cataláns que votaron non á Directiva de Retorno. Sinto unha envexa sa porque estou a pensar nos directivos do Casal Catalá en Montevideo que lles preguntarán aos meus amigos directivos de entidades galegas: ¿Ustedes no tienen europarlamentarios que los defiendan? A verdade é botei en falta aos nosos. Non abriron a boca cando teñen un millón e medio de razóns máis que os cataláns para opoñerse a unha normativa que cando menos pode calificarse de insolidaria.

Non sei se os nosos representantes tiñan présa por coller as vacacións pero coido que o seu silencio non admite ningunha desculpa. Onde non hai sentimento non hai tampouco pensamento. Así o entendo porque se os nosos fosen agradecidos lembrarían que aínda que eles non estivesen fóra son igualmente fillos da emigración. Os pais e os avós da gran maioría puideron cursar os estudos primarios grazas a que desde América enviaron cartos para erguer unha escola e pagarlle o salario ao mestre. Máis de 300 edificios espállanse por Galicia adiante amosando nidiamente que houbo quen non esqueceu .

Se alguén ten a máxima lexitimidade para defender na Unión Europea os dereitos dos inmigrantes son os nacidos neste curruncho atlántico. Aquí somos todos filósofos e comungamos coa idea de que se houbo un camiño de ida haberá outro de volta. Se antes nos abriron as portas non podemos permitir que dous gobernos presididos por conservadores populistas sexan os que pechen unhas portas que non son da súa propiedade. Están a dictar cátedra sobre Inmigración os indocumentados sen currículo sen oír aos especialistas recoñecidos: armenios, galegos, irlandeses e israelís.

Sei que no Río da Prata ---recibo queixas diarias dos meus amigos--- non se entende este procedemento de “novos ricos” que dun día para outro esquecen que onte mesmo íamos nós polos vieiros do mundo intentando atopar un abeiro. A nosa nai Galicia non podía acubillar a todos os seus fillos e víuse obrigada pola necesidade a facer entrega dalgún deles en adopción ás novas repúblicas americanas. As novas nais recibiron aos adoptados coma se fosen fillos biolóxicos xa que os agarimou sen facer ningunha distinción.

Fagamos un exercicio de imaxinación para viaxar aos portos de Bos Aires e Montevideo. Estamos en 1950 e dos barcos descenden cada mes milleiros de emigrantes. Cal sería a cara destes recén chegados se ao desembarcar fosen recibidos no peirao polos funcionarios de Migración coa seguinte ringleira de preguntas: a) A ver…gayego ¿te vas aportar bien?; b) ¿A qué viniste acá?; c) ¿Te comían los piojos, gaita?; d) ¿Tenés algún oficio?; e) ¿Sos laburador?. Pero non foi así senón máis ben deste xeito: ¿Fue jodido el viaje?; ¿Tenés acá algún familiar?; ¿Dejaste allá familia?; ¿Querés un consejo?: ¿Te echo una mano?.

4,76/5 (17 votos)


Comentarios (14)

CGB #1 4/Agosto/2008 CGB
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Moi bo, si señor. Hai que recoñecer aos europarlamentarios que son éticos diante dos nosos "gayegos" desaparecidos que van só para levantar a man sen pensar en Galicia. Non podemos estar caladiños coma se nada sucedese na vella Europa. Galicia debería ser case unha abandeirada na loita polos dereitos dos cidadadáns que entran xa que nos corresponde porque temos irmáns por todo o mundo. A famosa Directiva non hai por onde collela pero responde a unha liña de pensamento reaccionario que lle quere "endilgar" a crise aos inmigrantes.

Artiguista #2 4/Agosto/2008 Artiguista
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Para min que coincido en todo en que son nestes ocasión onde se ven aos bos e xenerosos. Alí no Parlamento de Estrasburgo tiñan os eurodeputados galegos un ámbito para defender aos emigrantes-inmigrantes. Pero non o fixeron porque están preocupados por temas de máis importancia por exemplo se nas vindeiras eleccións de xuño se lles acaba o choio. A parte final do artigo de Suárez Suárez paréceme moi esclarecedora. Moi orixinal e ilustrativo. Lévanos a pensar naquela nosa xentiña entrando nunha nova vida en América.

alenmar #3 4/Agosto/2008 alenmar
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Moi boa nota. Parabéns a Manuel Suarez por abrir, unha vez máis, unha fenda na xenofobia que medrou no franquismo e ten máis que perigosos niños na Galiza.
O PP desexa os votos doados e sumisos dos emigrantes. E cando estes levantan a cabeza "como en Irlanda, como en Irlanda" din que é o PSOE o que non fai ren polos nosos emigrantes. O PSOE abre delegacións e solicita permiso a Madrid. Permiso denegado. A modificación da lei electoral non será para esta.
O BNG ten pouquiños votos polo que trae o seu delegado en Bos Aires, que sae na prensa e cando regresa, máis do mesmo.
Necesitamos que a defensa dos emigrantes estea ben representada e comungue cos principios éticos e non partidistas.

giao #4 4/Agosto/2008 giao
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Os votos que pediu o BNG servirom para avalar a Directiva, por medio de Ignasi Guardans (que votou a favor) e Josu Ortuondo (quem se abstivo). Galeuscat, Nunca Mais!!

bertus #5 4/Agosto/2008 bertus
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Un retroceso xurídico vergoñento.

Barbara #6 4/Agosto/2008 Barbara
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O artigo (moi bo) faime lembrar coma a GIAO que non ten pés nin cabeza o pacto con CIU. Xa se ve ben. Agora comprobamos que a ética está en J. Borrel e non en I.Guardans. Pero houbo alguén que desde o BNG lle comentase aos eurodeputados de GALEUSCAT que GALICIA enteira está contra da Directiva do Retorno. O noso país sabe de desfeitas e non quere que se maltrate aos que buscan un novo futuro por terras europeas. Os do BNG que votamos a esta coalición pois tiramos o voto ao lixo porque non defenden os nosos principios...comezando pola solidariedade con todos aqueles que aquí chegan. Ata o vasco Ortuondo que será católico,supoño, tivo a ben absterse. Conicido con ALENMAR en que a defensa dos emigrantes debe comungar con principios éticos onde os partidos políticos non sexan quen de dirixir o voto.

AURINEGRO #7 5/Agosto/2008 AURINEGRO
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Por favor, señoras e señores,non esquezamos a ANA MIRANDA que leva anos traballando con eficacia na defensa dos dereitos da diáspora. Ela soa alá en Bruxelas e atopa tempo para desprazarse e falar e sensibilizar aos colectivos emigrantes sexa en Arxentina, Brasil, Venezuela ou Uruguai. Outros partidos fortes teñen empregados ben pagados (ata houbo un embaixador especial)para xuntar votos e ANA só busca xustiza. Pídovos que vaiades á hemeroteca da "Voz"[20-VII-2008] porque o seu artigo titulado ¿In-migration ou out-migration?
é boa mostra do seu pensamento. Noraboa, ANA.

AURINEGRO #8 5/Agosto/2008 AURINEGRO
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Perdón puxen que o artigo de Ana Miranda na "VOZ" era de xullo cando é de xuño do día 20. Vale a pena lelo.

maraghota #9 7/Agosto/2008 maraghota
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Tampouco fai falta ir á Coz:

http://altermundo.org/portal/c...

Si és que no hi cap tothom...

NOVOGARDEL #10 7/Agosto/2008 NOVOGARDEL
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Agradécense artigos así porque seguimos con vendas nos ollos sobre a nosa ampla diáspora. Veñen as eleccións autonómicas e poida que se volvan a repetir os trapicheos de votos destes últimos 20 anos. Aínda hai quen di que non é urxente a modificación da Lei electoral. Recomendo a lectura en " A NOSA TERRA" da seria reflexión que fai Suso Baleato sobre o voto electrónico (moi ben documentado e alumeando nun campo moi escuro).

DanielErreCe #11 7/Agosto/2008 DanielErreCe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Parabéns Manuel polo teu artigo. Pero que só se atopa un ante este tema! Como Auriego, coñezo a Ana Miranda e sei do labor inestímabel que realiza. Pero incluso ela ten que loitar contra a soidade no seu propio partido. Éche mágoa, pero é certo que a memoria é moi selectiva, sobre todo se do que se trata é de cartos e poltroas. Os políticos só responden aos intereses da xente cando esta os preme para que actúen. Compatriotas do exterior, non regaledes o voso voto!

prometeo #12 7/Agosto/2008 prometeo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Agora, cando comece a precampaña, irán facer as américas pedindo o voto e facendo declaracións do tipo: "tódos somos fillos da emigración", "nós sabemos o que é deixar a nosa Terra" ou "non nos esquecemos dos que tiveron que abandonar o seu país". Xentalla!

Parabéns polo artigo Manuel.

asterix #13 8/Agosto/2008 asterix
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Por moito que o intenten NON NOS VAN CALAR!!! entra na web do sector maioritario de Terra Galega: http://www.terra-galega.org

teixugo #14 8/Agosto/2008 teixugo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

http://alemguadiana.blogs.sapo...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003).





Locais:
GZ-Sete