Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Proxecto do Ministerio de Economía

A suba do IVE en tempo de crise: pau aos petos máis pobres e freo á economía

Catro economistas asinan un estudo onde advirten o impacto negativo a curto prazo do incremento do IVE anunciado polo goberno español.

Redacción - 13:35 02/03/2010
O informe de Fedea di que os petos máis baleiros serán os máis afectados pola suba do IVE

O informe de Fedea di que os petos máis baleiros serán os máis afectados pola suba do IVE

A vicepresidenta económica do goberno español, a ourensá Elena Salgado, confirmaba esta mesma semana a súa intención de asinar o incremento do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE ) desde o próximo 1 de xullo. A lei de orzamentos estabelecerá que o tipo reducido suba do 7 ao 8% e que o tipo xeneral chimpe do 16 ao 18%. Insiste a ministra en que medidas similares non impediron noutros países onde se aplicou o aumento do consumo e do Produto Interior Bruto, e que a caída previsíbel en canto se aplique o incremento do IVE será compensada posteriormente.

Mentres desde a Comisión Europea sinálase o posíbel impacto negativo que terá esta iniciativa e unha maioría de analistas coinciden en avaliar criticamente a decisión. É o caso dos catro economistas que asinan o estudo financiado cunha bolsa de investigación do propio Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, e que foi publicado baixo o título "A subida do Imposto sobre o Valor Engadido en España: Demasiado cara e demasiado axiña".

Freo ao crecemento
Conclúen os investigadores que a suba do IVE vai contraer a actividade e o emprego, advertindo da súa inutilidade nunha conxuntura de crise onde a recuperación económica estaría en camiño pero de ningún xeito consolidada. Así, sinalan por exemplo que se ben a recadación do imposto sobre o consumo aumentaría un 10,5% desde 2010, á fin e logo do impacto sobre a redución da produción que causaría, trataríase dun incremento de apenas un 1,7%, xa que os ingresos a través doutros impostos minguarían significativamente.

Avisan ao fío que os aumentos do IVE van ter un impacto relativamente maior "sobre a poboación máis pobre e de maior idade", factor que evidencia "o carácter regresivo" da medida sobre o consumo. O informe propón atrasar tanto a subida do IVE como o recorte do gasto público cando menos un ano "para que haxa tempo abondo para reducir o déficit público".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: