Un equipo do Centro de Investigacións Científicas de París atopou evidencias dun homínido despezado nunha cova francesa.
Un equipo de investigación francés acaba de descubrir a que podería ser a teoría definitiva de por que se extinguiron os neandertais. Segundo a súa conclusión, os nosos parentes primitivos puideron ter desaparecido devorados polos seres humanos.
O Journal of Anthropological Sciences publicou un estudo sobre unha queixada neandertal despezada por Homo Sapiens. O xefe do equipo de investigación asegura que os humanos comeron a carne, mentres que os dentes do neandertal puideron servir para facer un colar.
Fernando Rozzi, do Centre National de la Récherche Scientifique de París, declarou a The Guardian que o óso foi probabelmente cortado para sacarlle a carne, incluída a lingua. O despezamento efectuado é similar ao usado na Idade de Pedra para abrir os corpos de cervos. Segundo Rozzi "os neandertais atoparon un violento final nas nosas mans e en moitos casos comémolos".
"Durante anos, a xente tentou afastarse da evidencia do canibalismo, pero penso que a temos que aceptar"
A idea atopará, de seguro, considerábel oposición entre os científicos que cren que os neandertais desapareceron por motivos non violentos. Os neandertais foron unha especie forte que evolucionou en Europa hai 300 mil anos, fabricaron ferramentas de pedra e sobreviviron varias idades de xeo até a súa desaparición, hai 30 mil anos, xusto cando os humanos modernos chegaron dende África. Segundo algúns investigadores, os neandertais non puideron competir co Homo Sapiens na procura de alimentos, ou non resistiron o impacto do cambio climático. Pero outros pensan que as relacións entre as dúas especies foron violentas e fatais para o Homo Neanderthalensis. Segundo Rozzi, o descubrimento na cova de Les Rois apoia este último argumento.
Nas anteriores escavacións atopáronse ósos que se pensaban exclusivamente humanos. Pero o equipo de Rozzi atopou un que resultou ser neandertal. Ademais, estaba cuberto de marcas de cortes semellantes aos provocados ao arrincar a carne de animais usando ferramentas de pedra. Segundo Rozzi, isto é unha proba crucial de que os humanos atacaron os neandertais e en moitos casos matáronos, levaron os seus corpos ás covas para comelos ou usar as súas caveiras e dentes como trofeos. "Durante anos, a xente tentou afastarse da evidencia do canibalismo, pero penso que temos que aceptar que tivo lugar", afirma.