Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Agustín

Homenaxe

Era obrigado. Cando unha persoa así nos deixa, moita xente sinte a necesidade de amosar o seu agradecemento. Velaquí unha presa de comentarios escritos por diferentes persoas que o coñecían.

Varios - 21:07 09/01/2009
Tags:

A lección de Agustín

En Agustín recoñecemos o mozo militante da XEC que nos anos 60 buscaba unha vivencia comprometida da súa fe, o animador de comunidades cristiás de base, o membro de ANPA, o dirixente do movemento veciñal, o promotor da obxección fiscal, o militante pacifista, o sostén da Coordenadora de Crentes Galegos, o irimego de fe comprometida e encarnada na cultura de Galicia, en suma, a persoa bondadosa disposta a escoitar e a animar. Que é o que o fai singular e especialmente admirable? Ao meu ver, en primeiro lugar, a súa persistencia, o feito de que isto dure toda a súa vida; esta é a auténtica liña da súa vida, non foi algo ocasional baixo a sospeita da busca momentánea de emocións ou de comenencias. Pero hai máis, o seu orixinal estilo e peculiar xeito de estar en todos os ámbitos que o facía especialmente valioso na axuda e no fortalecemento de persoas e comunidades.

Algunhas persoas xa saben que Agustín profesionalmente empezou como aparellador e rematou como profesor. Como aparellador exerceu a súa profesión cunha exemplar ética profesional. Pero Agustín foi aparellador noutro senso: profesional de proximidade, que traduce teorías en experiencias, que combina e pon en relación as contribucións de distintas persoas recoñecendo e respectando o valor de cada unha, calibrando a utilidade de cada material... todo isto na construción da casa común, dos espazos comunitarios (ás veces materiais, sempre grupais). Como profesor é recordado pola súa dedicación ao alumnado que máis o necesitaba. Hoxe pensamos moitos que os mellores profesores dan clase coa boca cerrada, ocupándose máis do que pode facer o seu alumnado para comprender en profundidade, para analizar, para aplicar coñecementos e centrándose menos nos seus propios discursos. Agustín dounos a lección da súa vida coa boca cerrada ou falando baixiño, con autenticidade, con naturalidade, centrado na experiencia colectiva, sen querer destacarse e impoñerse. Os que, coma el, fan isto toda a vida e o fan para que as persoas que están ao seu carón medren e as comunidades das que forman parte sexan máis fortes e solidarias merecen agarimo agradecido.

Lois Ferradás  

Cristián dunha peza

Non é fácil para min facer unha reseña sobre Agustín porque é moito o que teño vivido, compartido e aprendido con el. Ben coñezo o agarimo e acollida que sempre derrochou con todas e todos, veciños/as, amigos/as, coñecidos e descoñecidos/as.  Para min Agustín é un cristián dunha peza, cun referente claro: o Evanxeo e a xustiza de xeito radical. Un galego amante do seu país, a súa cultura, as súas xentes, un nacionalista dos bos e xenerosos/as, un loitador pola causa dos máis febles, sempre; un traballador incansable pola paz.   Agustín forma parte da historia liberadora do noso barrio, O Castiñeiriño, un símbolo para todas nós. En toda esta vida de amor e compromiso ten moito que ver Carmela.

Sole González  

AGUSTÍN BUENO E BO

Moitas veces teño chamado a Carmela para consultar algún asunto ou despexar algunha dúbida e cando xa levabamos tempo falando, de súpeto e saíndo non sei por onde, aparecía a voz de Agustín. Quizais levaba tempo por alí escoitando, sen dicir nada, ata que algunha cousa non lle cadraba e entón a súa voz, como unha revelación, soaba no teléfono cunha pregunta ou unha afirmación que resolvía parte do asunto. Entón eu soltaba: -Ou, pero andabas por aí? E claro que andaba. Logo acababamos rindo os tres. Ha de seguir escoitando, falando e rindo, foi metáfora viva de resistencia.

Rubén Aramburu 

Traballador incansable

Para min, para nós, Agustín significaba, de entrada, cariño e respeto a partes iguais. Cariño porque era agarimoso e achegado, e respeto porque xunto con Carmela –efectivamente sempre eran Agustín e Carmela ou Carmela e Agustín– representaban, representan, traxectorias exemplares na loita pola dignidade das persoas e no seguimento do Xesús auténtico. Agustín, ademais, era traballo incansable e comunitario, seriedade, reflexión fonda e outras cousas. Descansa en paz, seguro, Agustín, porque sempre era quen de transmitir paz. Foi un verdadeiro agasallo coñecerte e gozar de ti.

Miguel Fernández  

A vida é comprometerse

Agustín fixo da súa vida moitas máximas, unha delas foi que a vida é comprometerse; un compromiso continuo e cotiá de entrega desinteresada. Entre as súas obras fica a nosa asociación, xa que foi socio fundador de AIS “O Peto”. Na mestura do afecto e da dor destes momentos emerxe con forza o sentimento de gratitude, gratitude por partillar con nós tantos momentos de clarificación desta asociación cando era un proxecto. Os comentarios de Agustín, sempre acompañados por un sorriso, reflectían o cariño que nos tiña aos mozos entusiastas, a súa inmorrente capacidade de escoita e aprendizaxe, e a luz da súa experiencia militante. O seu matrimonio é exemplo de entrega total e radical á construción dun mundo mellor, grazas Agustín, grazas Carmela.

Raúl Asegurado


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: