A paz é unha realidade que grande parte da humanidade aínda non pode gozar. De atérmonos aos datos oficiais teriamos un total de 27 conflitos armados vixentes, os cales, exceptuando o colombiano, desenvólvense en África e en Asia; outros 13 denominados como conflitos violentos non catalogables coma “conflitos armados”, que castigarían especialmente a eses dous continentes, mais no que tamén se incluiría a ETA, así como outros 8 exconflitos armados que aínda están sen resolver. Sen deternos en disquisicións terminolóxicas, na actualidade persisten case medio centenar de conflitos armados abertos no mundo, o que supón un grande reto para todas/os nós.
Sendo conscientes das grandes dificultades, hoxe máis ca nunca cómpre non perder a esperanza, é necesario seguir a traballar pola paz, ser artífices da paz, porque a paz é un ben de todas/os. Unha paz que vai alén da ausencia de violencia, que necesita da aplicación da xustiza, da erradicación da pobreza e do fomento da colaboración e da solidariedade entre todas as persoas.
Os conflitos armados en datos
A maioría dos conflitos armados que seguían activos durante o 2008 naceran entre os anos setenta e noventa. Dos 80 conflitos recollidos, un 25% remataron por medio dun acordo de paz e un 10% cun acordo de paz “imperfecto”, xa porque foi imposto ou porque tivo lagoas de consideración. En todo caso, cómpre salientar que algo máis dun terzo dos conflitos deste período finalizaron por medio dun acordo, quedando outro 18% en fase de resolución ou sen resolverse dun xeito definitivo. Os que non foron resoltos e permanecen vixentes supoñen case o 40% do total e, o que é máis significativo, só o 7,5% destes conflitos remataron a consecuencia da vitoria militar dunha das partes; noutras palabras, a grande maioría dos conflitos só se resolven grazas a negociacións, abrindo algún tipo de proceso que leve a sinatura dun acordo total.
Distribución dos conflitos
De observamos o mapa con atención, chegariamos a unha constatación: a desigual distribución territorial dos conflitos armados. Como xa indicamos, os dous continentes máis afectados polas conflitos son África e Asia, o que vén a coincidir coas zonas onde se sitúan os países máis empobrecidos. No continente africano destacan especialmente a zona austral e occidental e, sobre todo, os Grandes Lagos e África Central, coa grande desestabilización producida pola guerra na República Democrática do Congo e o conflito en Darfur (Sudán), que tamén ten repercusións no corno de África. Pola súa banda, en Asia destacan fundamentalmente dúas zonas: Oriente Medio, co conflito iraquí e o israelí-palestino, e a zona meridional, coa guerra en Afganistán e os múltiples conflitos abertos entre e dentro da India e Pakistán, así como os existentes en Nepal ou en Sri Lanka, este último de novo de actualidade a causa da ofensiva das tropas gobernamentais fronte á guerrilla separatista tamil. Polo que respecta a Europa e Asia Central, destacan os enfrontamentos nas exrepúblicas soviéticas, así como a realidade kurda (o PKK) en Turquía. E para América Latina monopoliza a atención o conflito en Colombia, con zonas do país que escapan do control do goberno.
Unha perspectiva sobre a situación actual
A Escola de Cultura de Pau da UAB, grazas o traballo do seu director Vicenç Fisas, presentou o Anuario 2008 de procesos de paz, onde a partir dun estudo sistemáticos dos distintos conflitos armados existentes, propoñen unhas orientacións xerais moi reveladoras da situación actual:
| Situación das negociacións a principios do 2008 | ||||
| Ben | Con dificultades | Mal | En exploración | Resoltas |
| Filipinas (MNLF) India (NSCN-IM) India-Pakistán RCA | Burundi (FNL) Colombia (ELN) Chad Chipre Filipinas (MILF) India (ULFA) Mali Nepal (Terai) Nixeria (Delta) Papúa Occidental RD Congo Sáhara Occidental Senegal (Casamance) Uganda Iemen | Armenia Azerbaixán Colombia (AUC) Filipinas (NPA) Israel-Palestina Xeorxia (Abjasia) Xeorxia (Osetia Sur) Iraq Kosovo Myanmar (KNU) Pakistán Somalia Sri Lanka Sudán (Darfur) | Afganistán Angola (FLEC) Etiopía (Ogadén) Myanmar (CNF) Myanmar (NLD) Níxer (MNJ) Tailandia (Sur) | Costa de Marfil Líbano |