Open Vieiros

Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Equipara os caldos cos estupefacientes

Os consellos reguladores do viño estudan unha proposta conxunta contra a Lei de Drogas

Responsábeis das cinco denominacións de orixe do país rexeitan o borrador impulsado por Sanidade e presentado en plena vendima.

Redacción - 13:45 29/09/2008

Os cinco consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas reuniranse este luns para estudar unha proposta conxunta en contra do proxecto da Lei de Drogas impulsado por Sanidade. A pasada semana recibiron o novo borrador e os responsábeis da regulación do Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei amosáronse contrarios ao articulado da iniciativa lexislativa.

Dende estas entidades recordan que o viño é o primeiro produto do sector agrícola e confésanse preocupados pola equiparación que se fai del con substancias estupefacientes. Xa dende que se iniciou a modificación da lei actual, dende as denominacións defenderon que o sector ten entidade e particularidades suficientes como para que se lle aplique unha normativa específica, tal e como se viña facendo até o de agora co Estatuto da Viña, o Viño e o Alcohol.

Acusan a Sanidade de facer culpábel ao sector e de retomar a tramitación desta lei en plena vendima, época na que os bodegueiros e viticultores teñen unha maior carga de traballo, para evitar que formulen alegacións contra a medida.

Oposición á lei de drogas
O proxecto de lei xa atopou no pasado outras opinións contrarias. Entidades xuvenís, sindicatos agrarios ou o PPdeG xa teñen manifestado a súa contrariedade a incluír o viño no catálogo de drogas do país, é dicir, nunha norma que regula substancias adictivas.

Doutra banda, tamén foi criticada a criminalización que se fai, segundo diferentes colectivos, do botellón. Neste sentido xa se manifestou o Consello da Xuventude de Galiza, que recorda que esta norma non foi en absoluto dialogada.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Comentarios (2)

baltar69 #1 29/Setembro/2008 baltar69
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

déuse nos últimos anos un auxe do sector vitivinícola espectacular e, a carón das consabidas subvencións que tan ben engrasan o peto e as intencións patrióticas dos inversores que máis pregoan o liberalismo, enchéronse de falar, dende ortegal ó miño, da cultura do viño da mesma forma que se falaba da cultura automobilística, da cultura culinaria ou da cultura empresarial.
coma sempre, nestes casos e noutros nos que a palabra cultura asoma do beizo gordo dos bobalicóns pretenciosos, hai un grupo de interesados que conseguen boas dádivas económicas co asunto e, logo, unha nutrida cuadrilla de aficionados e anonadados seguidores ben ruidosos que, de non ser obxetivo un de algún plan de bruxelas o sector das cepas, serían calificados automáticamente de beodos contumaces e postos a pronto recaudo pola autoridade sanitaria competente.
dado que éste é ademais, eminentemente e dende antes que existan rexistros audiovisuais, un país de larpeiros e mortos de fame ó unísono e con moi difícil distinción, foi doado organizar cursos de cata e incluso algunha titulación para santificar estes procesos de etilismo lexítimo, mostrándose abertas ao contubernio as distintas universidades, que se amosan incapaces de formar, eso sí, máis médicos para curarnos os catarros, pero que foron quen de espreguizar a facultades distintas e medio esmorecidas, dende as que recollían a vinificación das terras galegas como parte dunha erdanza histórica ou sociolóxica até aquelas que deron en formar técnicos tanto nas tarefas máis gustativas como na indispensable mercadotécnia de la cosa, para fixar nas novas xeracións de cidadáns a saludable conducta de valeirar un par de botellas diarias dalgunha das nosas denominacións de orixe.
ah, o viño...
de esta maneira, os consellos reguladores empezaron a enraizarse ( nunca mellor buscado o símil ) na sociedade até convertirense neses lobbys insolentes que hoxe forman e que poden chegar a por nun apreto a calquera honrado servidor da cidadanía que promulgue unha lei contra a drogadición ou arróxanse, sen menor rubor, a capacidade de rexistrar para sí a patente de productos e inxertos como si dunha multinacional do medicamento se tratase, caso da vella e noutrora denostada cepa mencía que, baixo os reais saberes e entenderes das cabezas máis preclaras da d.o. ribeira sacra, debe quedar a súa mención, nas botellas de tintorro, supeditada a aquelas adegas que se integran no regazo protector da mentada organización, non podendo ningén máis utilizala só pena de incurrir en delito lesivo para os intereses de esta sagrada cofradía, a cal podería considerar, en caso de que alguén ose, iniciar maniobras xudiciais para protexer os dereitos de explotación dos productos da palabriña.
cómo poden estes bárbaros, estes iletrados, esta soez caterva de empresarios da perrallenta peseta, referirise ao séu producto como " un alimento natural e con propiedades saudábeis" cando, na meirande parte dos casos, trátase da máis infecta purrela que calquera paladar pode saborear e na máis explosiva bomba que un estómago mínimamente equilibrado pode resistir sin acudir ó vómito ou ó almax? cómo poden descoñecer os efectos e desequilibrios que tódalas bebeidas alcohólicas producen na poboación e como pasar de largo polo feito que a inxesta de viño en galicia é unha das principais causas de demencias, de depresións e de dexeneracións en xeral, por non entrar xa nos problemas de fígado, páncreas ou sanguíneos e non parar na incidencia que ten nos malos tratos e no suicidio?
creen estos ascendidos que polo feito de que alguén pague trinta euros por menos dun litro de veneno, éste deixa de ser un producto nocivo para transformarse nunha ambrosía celestial da que pode mamar calquera neno ou calquera nena?
da a sensación de que se perdeu non xa a medida, se non que a cordura en xeral xa floxea. indudablemente haberá que repercutir en anteriores administracións moitas culpas, pero parece claro e palpable que é xeral o desinterés polo enveleñamento masivo ó que a poboación está sendo sometida e tódolos poderes públicos parecen cómplices de estes casos, dende os problemas derivados das vacas tolas até o dos tranxénicos. pero que sexa a propia administración a que faculte e subvencione a existencia de estes embotelladores de enfermidade e morte resulta unha total contradición co espírito que precona un país san e libre.
ah, eu son alcohólico por certo, non abstemio, e aínda onte fun a vendima.

Jatopardo #2 1/Outubro/2008 Jatopardo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Hai poucas cousas que se podan comparar a unha boa cea acompañada dun bo albariño, godello, ribeiro... ou a quen lle guste o tinto, un mencía, por exemplo.

O viño é unha ledicía para os sentidos. Non só o seu sabor, senón ver as súas tonalidades (por favor, bebede o viño en copas transparentes), o seu olor...

¿Que hai alcohólicos? claro, tamén hai bulímicos e a ninguén se lle ocorre prohibir o pan de Carral ou a tortilla de Cacheiras. O consumo moderado tamén debe formar parte da cultura do viño.

O viño máis que unha bebida debería ser considerado un monumento nacional, ao mesmo nivel que a Torre de Hércules ou máis arriba aínda.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete