Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Queren crear un Sanxenxo-dous"

Veciños de Cangas mobilizados contra especuladores "de manual"

No contorno da vella factoría de Massó acontece o que para moitos é un dos exemplos máis claros de como a presión especulativa zoupa sobre as costas do país.

Roberto Noguerol / Lucía Iglesias - 09:00 28/04/2008


A pé do mar de Cangas acontece unha loita que non ten transcendido abondo fóra do contorno da propia ría de Vigo, malia ofrecer exemplo do que veciños e políticos locais cualifican como unha clara aplicación "das receitas da especulación". O caso xorde do cambio de uso industrial a residencial dun conxunto de terreos a pé de mar nun espazo de privilexio, onde un convenio con moitas "sombras", bota para adiante a posibilidade de construír un milleiro de vivendas, un hotel, un centro comercial e un porto deportivo.

Mariano Abalo, actual concelleiro de Urbanismo (elixido á fronte da lista Alternativa Canguesa de Esquerdas), fala de "operación de estilo marbellí" para referirse á iniciativa en cuestión, xurdida durante a anterior maioría absoluta do PP. Quéixase ademais Abalo de que fronte a ese "pastel" se estean tratando de "instrumentalizar todos os resortes de poder posíbeis para que esta operación non morra". No mesmo sentido, desde o Foro Social de Cangas, Tiago Pérez, voceiro do colectivo, apunta que alén de todas as irregularidades e procesos xudiciais en curso, a presión ten que ver no fondo con intereses especulativos concretos que "tentan botar a xente de aquí, mudar Cangas e crear un Sanxenxo-dous, onde único emprego que vai quedar será a hostalaría para atender o rico que vén de fóra".

Unidos nesta plataforma, os cangueses loitan contra o proxecto de porto deportivo, centro comercial e urbanización de luxo proxectada no contorno de Punta Balea e o Salgueirón, onde está ademais a vella factoría de Massó. As obras iniciadas foron paralizadas na altura de 2005, e o conflito deu ademais na caída da anterior maioría absoluta do PP no Concello. De feito, o anterior alcalde, Enrique Sotelo, afronta unha denuncia por presunta prevaricación, falsidade en documento público e tráfico de influencias polos convenios por el asinados, asuntos que o foro pretende que, máis aló dunha posíbel inhabilitación, rematen en penas de prisión para os implicados.

Longa lista de actuacións "irregulares"
O outorgamento "opaco" da concesión de porto deportivo por parte da Autoridade Portuaria, a inexistencia dunha exposición pública "verdadeira", a non presentación no momento inicial do informe de impacto ambiental, a existencia dun informe vinculante da consellaría de Pesca totalmente contrario ao porto e logo "misteriosamente desaparecido", o "desprezo" polo valor histórico e cultural da vella fábrica de Massó (proposta para a catalogación como Ben de Interese Cultural), o salto por riba da consideración de espazo natural protexido da Lagoa da Congorza, as diversas irregularidades no proceso de recualificación de terreos...

Son todo un conxunto de acontecementos que desde o Foro Social definen como exemplo do "manual de especulación" aplicado na costa canguesa arredor deste proxecto. Desde o colectivo, Tiago Pérez insiste en que se trata dun exemplo perfecto dos "ataques brutais á ría de Vigo por parte de axentes especulativos e privatizadores", e critica a conivencia de políticos, entidades financeiras e autoridade portuaria en favor do proxecto. Recorda ademais o perigo que sobre a dinámica de correntes implica unha actuación como a do peirao deportivo aló pretendida, nunha zona de alta importancia do marisqueo e a pesca artesanal. "Calquera pedra que se pon no mar merecería dun estudo exhaustivo, e pola contra aquí só se atende a intereses especulativos", láiase.

Entre a expropiación e o referendo
O proxecto avanza agora entre as denuncias no xulgado e a teima da construtora en seguir adiante cos traballos, freados até o de agora polos veciños, que hai poucos días impedían outra vez o acceso ao lugar de técnicos e obreiros.

Abalo advirte de que "se non hai un proceso dialogado para a recuperación da zona, con acordo por todas as partes" que evite a "operación especulativa", o goberno municipal estuda a opción de levar a loita até as últimas consecuencias, incluída a posíbel "expropiación". Insiste o edil de urbanismo en que se trata da recuperación dunha zona "vital" para o futuro de Cangas. Explica ao respecto que de non chegar ademais a un consenso total dos propios grupos de goberno, estaría a prol dun referendo onde os veciños opinen sobre cal é o proxecto "de maior proxección e futuro para Cangas". Mariano Abalo, quen segundo o acordo do tripartito cangués (BNG, PSdeG e ACE) é o único que expón en público a posición do Concello sobre este conflito, tamén solicita que desde a Xunta se faga un pronunciamento "claro" da posición arredor do futuro do Salgueirón que sexa "coherente co valor patrimonial e natural" do espazo. "Touriño e Quintana deben ser consecuentes coas declaracións que teñen feito en favor da protección do noso litoral", di o concelleiro de Urbanismo, ao tempo que solicita do Goberno "unha colaboración que de momento non existe".

Na web Cangas Non se Vende poden ampliar información sobre o caso.


4,78/5 (18 votos)


Comentarios (13)

Xabi1 #1 28/Abril/2008 Xabi1
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Non gosto da redación da noticia. Que saiba, e disculpen se estou errado, a alcaldesa de Cangas é do BNG. Non hai ren que decir da rexedora, nada sobre as súas mudanzas en relación co proxecto?.

borneira #2 28/Abril/2008 borneira
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Hai un interesante traballo de hemeroteca en http://zutabedecangas.wordpres...
Parece que as relacións entre Quintana e Caixanova teñen algo que ver nesas mudanzas

roebek #3 28/Abril/2008 roebek
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

#1: exacto!

Preséntase o vídeo pouco menos que como se a Concellalía de Urbanismo de Cangas e o Foro Social fosen antagonistas. Falta a voz dos que calan e actúan logo por detrás, os outros socios de goberno: Clara Millán, alcaldesa do BNG, e o PSOE.

Seica ademais de BNGas, imos ter tamén BNGamela, porque estes a iate de porto deportivo non chegan. Non pasan de lacaios dos que si os teñen...

condedecotobade #4 28/Abril/2008 condedecotobade
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Gustaríame saber cal é a alternativa proposta polos veciños (non é irónico, non a coñezo) porque vendo o ídeo o edificio de Masso paréceme bastante chulo e aproveitábel dende o punto de vista arquitectónico.

dealdantan #5 28/Abril/2008 dealdantan
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

xabi, a alcaldesa ainda que é do BNG non fala disto porque o tripartito decidiu que só fale o concelleiro de urbanismo. O antagonismo do que falas eu non o vexo. E ata que se demostre o contrario, tanto FPG como BNG e Foro Social defenderon no básico a mesma posición sobre Massó. Os "zutabes" e outras suposicións, eu non os comento, pero si sabes algun dato que non sexa rumor estaría ben coñecelo

Donicela #6 28/Abril/2008 Donicela
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O lema do BNG tan pronto toca poder é "deus é bo e o demo non é malo"... Que llo pregunten á Constructora San José...

Xos #7 28/Abril/2008 Xos
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Para condecotobade, http://www.aoitavailla.com/Est...

zutabe #8 28/Abril/2008 zutabe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

"tanto FPG como BNG e Foro Social defenderon no básico a mesma posición sobre Massó. Os "zutabes" e outras suposicións, eu non os comento, pero si sabes algun dato que non sexa rumor".

A nós as declaracións deitadas por esta señora na prensa non me parecen rumores, se non feitos:

No 2005: O BNG pide a Sotelo que lle «deixe claro» á promotora que nos terreos de Massó non se pode facer nada do proxectado xa que o PXOM está paralzado. «O chan do que se fala é, na actualidade, chan industrial»

No 2006:“Se hai acordo en Massó, haberá porto deportivo e urbanización”

Amais que sabes de sobra que as posicións de BNG, ACE e o Foro son ben distintas e iso sabémolo todos. O BNG, non fai absolutamente nada máis que enmerdar e entorpece-las labores de urbanismo, só fai falla ver a súa postura no 2005:

"Algúns pediron explicacións ó BNG por non se sumar ás concentracións diarias para paraliza-lo porto deportivo. Clara Millán deixou claro que o Bloque decidira non seguir esta forma de protesta aínda que é contrario á ubicación do porto". Vamos, que si por eles fora o porto xa estaba feito.

E dis "o BNG non fala disto porque o tripartito decidiu que só fale o concelleiro de urbanismo" Vasnos facer tirar outra vez de hemeroteca? porque ben saberás que se meteu nas negociacións e tivo reunións sen estar diante o concelleiro de urbanismo, non? Se queres buscámoscho porque parece que non tes boa memoria...

zutabe #9 28/Abril/2008 zutabe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Desculpas,queríamos poñer 2008 non 2006

dealdantan #10 28/Abril/2008 dealdantan
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Se queres que che diga que Abalo é máis firme defendendo literalmente a causa do Foro Social, dígocho, pero non estou de acordo en que insinúes que o BNG non defende o lema de Cangas non se vende, que seguro que nos uniu a ti e a min máis dunha vez. Ese non é o problema, e se ti dis que ese si é o problema, non sei que sentido ten o tripartito e por qué o manteñen os que o manteñen.

charino #11 28/Abril/2008 charino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O BNG ten que deixar claro o que quere, non pode dicir unha cousa na oposición e outra no poder. Ata agora nada máis fixo apoiar ós especuladores, o mesmo que o PSdeG.

lavesedo #12 29/Abril/2008 lavesedo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

para #10: claro que co lema de Cangas non se vende temos estado moitos, agora até está Terra Galega, róncalle o carallo!, e no fondo estar como está o Nardito agora éche ben doado, como di charino en #11, o BNG di unha cousa na oposición e outra no poder, igual que o grande Faro Lagoa, que agora seica vai de rojo pola vila.
Agora é cando o BNG debe demostrar que non ía ás concentracións do Foro no Salgueirón para apañar votos, que ía porque rexeitaba a especulación na xoia natural e patrimonial que é o contorno de Massó e polo de agora a impresión que se está a dar dende o BNG de Cangas non é esa.
O BNG asinou un pacto de goberno onde se opuña ao porto deportivo no Salgueirón, protestou contra el unha e mil veces nos plenos contra Sotelo, anterior alcalde do PP, estivo nas concentracións,..., agora di que non pode facer nada, que o porto é competencia da Autoridade Portuaria de Vigo. Pois ou minten con descaro ou antes non souberon facer ben o seu traballo na oposición e enganaron a poboación con promesas que non sabían se poderían manter. A Alternativa Canguesa de Esquerdas, FPG, IU-EU e InMO, poderá estar trabucada na súa postura "extremista" de recuperar Massó para o pobo, tampouco tan "extremista" de ollarmos a ligazón de #7, mais dende logo manteñen certa coherencia co que prometían en campaña,
mirade este documental de campaña:
http://www.youtube....
Porque a alcaldesa non fai nada, porque non está día si e día tamén a bater na Xunta para que apoien unha outra solución para Massó??
Está claro que hai intereses económicos moi fortes atrás desta xoia en plena ría de Vigo, iso non o sabía o BNG na oposición?, pois haberá que enfrontarse a eles, buscar solucións, expropiar se é preciso como di o Abalo, -dende logo hai razóns dabondo-, pero hai que salvar Massó.

borneira #13 1/Maio/2008 borneira
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O estudio citado por Xos, http://www.aoitavailla.com/Est... , foi encargado polo grupo de goberno. O Foro Social non o suscribe na súa totalidade, pois aínda que presenta propostas interesantes de recuperación do patrimonio, preservación dos valores naturais e usos das naves industriais para a creación de emprego, tamén propón un area residencial sobre a que hai diverxencia de opinións, considerando os seus detractores que puidera representar unha negociación velada coa propiedade e pouco compatible coa reivindicación do espazo como público

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: