Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Plan de portos até 2020

Proxectan triplicar os amarres deportivos no litoral do país

Política Territorial asegura que se concentrará na ampliación dos existentes e que os novos peiraos vanse despregar en zonas que xa tiñan uso portuario.

Redacción - 09:00 17/04/2008
Tags:

O contorno do Golfo Ártabro ao norte, e a ría de Vigo ao sur, serán os dous eixos principais do Plan Director de Instalacións Náutico Deportivas que este mércores a consellaría de Política Territorial lle presentou a autoridades portuarias, empresas e representantes municipais. Na altura de 2020, as 11 mil prazas de amarre actuais pasarán a ser arredor de 32 mil.

"Un requisito do Plan é a mínima afectación da costa", explicou a conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, durante a presentación este mércores do proxecto. Caride indicou que o plan articulará "un único sistema portuario galego cohesionado e con oferta de calidade", e destacou que "ofrece unha visión integral de conxunto do espazo costeiro". Insistiu ademais e que, na súa opinión, a planificación nace "con vocación de respecto ao noso entorno litoral, tremendamente sensíbel".

Baiona e Sada, portos de referencia
No sur do país, a potenciación do porto de Baiona levaráo a ser o de maior número de amarres en Galiza, con 1.622. Perto del, a área de Cangas e Moaña desenvolverá até catro portos. En total, esta área sur chegará a máis de 8.800 puntos de atraque, máis da cuarta parte do total do país. Ao norte, o porto de referencia será o de Sada, onde en 2020 habería case 1.600 amarres. En conxunto, a área do Golfo Ártabro quedará por riba das 7.000 prazas para embarcacións deportivas. En Ferrol, o peirao de Curuxeiras dará lugar a un gran porto deportivo.

Na Ría de Arousa, a Xunta deseñou dous polos de atracción en Cambados e O Grove, e outros dous ao norte, en Rianxo e Cabo de Cruz, ademais de potenciar o porto de Vilagarcía como a maior concentración de amarres da zona, con máis de 1.000, seguido de Ribeira con case 700. En total, arredor de 7.000 prazas. Ao norte, nas rías altas a previsión e de construción de 4.000 amarres. Segundo Política Territorial, neste área proxectouse crear o porto de referencia en Burela, ao considerar que sería o lugar "con menor impacto paisaxístico, biolóxico e de dinámica do litoral".

O contorno de Pontevedra sumará en 2020 algo máis de 3.000 puntos de amarre, con novas instalacións en Bueu e Aguete. O impacto ambiental previsto levou á Xunta a renunciar finalmente a usar a zona de Portonovo, e xa que á beira haberá ampliación do de Sanxenxo. Por último, a Costa da Morte sumará unha vez que se complete o proceso un total de 2.800 prazas, repartidas en catro portos e seis instalacións de atraque diferentes.

Unha previsión de crecemento criticada polos ecoloxistas
A convicción de que o plano non responde ás "necesidades reais" do sector náutico-deportivo é un dos argumentos que desde hai tempo salientan os colectivos ecoloxistas desde que se coñeceu a ambiciosa previsión do Goberno. Recordan por exemplo desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza que agora mesmo, Galiza xa dispón dunha proporción de 1,6 embarcacións por cada amarre, mentres que países onde o sector está amplamente desenvolvido, como Francia, as porcentaxes son de 9 embarcacións por amarre. "A estimación do número de usuarios e do seu incremento ata o horizonte de 2020 é ao noso xuizo vaga, e non está debidamente xustificada", consideran desde Adega.

Desde Verdegaia hai tempo que xa advertían sobre a necesidade de estabelecer moratorias sobre a construción e ampliación de portos deportivos, o mesmo que sobre paseos marítimos ou campos de golf a pé da costa, mentres non se deseñase polo miúdo un plan de xestión sustentábel do litoral. Hai poucos meses, o colectivo poñía o exemplo da ría de Cedeira, onde o proxecto de porto deportivo implica a construción dun novo dique e o recheo con entullos e formigón dunha parte do leito mariño da ría. Verdegaia pedía daquela a paralización da iniciativa polo "prexuízo ambiental", con alteración de correntes mariñas incluído, nun área en trámites de ser declarada Reserva Mariña pola súa riqueza pesqueira e marisqueira.


0/5 (0 votos)


Comentarios (5)

lura #1 17/Abril/2008 lura
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

privatización da costa, especulación a 0 metros, destrución de praias e recursos peaqueiros...Eu pensaba que xa botáramos a Fraga..

mercedes #2 17/Abril/2008 mercedes
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Primeiro instalan pantaláns, atracamos (é máis comodo que ter o bote fondeado), despois poñen unhas portas que de comezo quedan abertas, despois péchannas e cobran por atracar; Dese xeito actúan Portos de Galiza e Portos do Estado, botando fóra dos peiraos á xente que quere ó mar e ás embarcacións tradicionais, para meter barcos de plástico dos veraneantes e "pijos" de fin de semana. así pasou en Ares, Pontedeume, Foz,Ribadeo,...

casacu #3 17/Abril/2008 casacu
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

esto dos portos deportivos, eu atopo q e un crimen contra o litoral. e q os pobos de costa, q agora so viven do turismo de veran, e un atraso total. e parece ser q ao goberno actual encantalle. portos, hoteis, autoestradas. contruir destruindo todo. a costa esta noxenta, os pobos saturados, todo por unha malisima xestion do turismo, e parece q non vai cambiar. maricons de playa go home!!

ecoe #4 17/Abril/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Que estren literalmente os ríos e as desembocaduras de peiraos flotantes para os barcos dos novos ricos. Así, protexendo a economía "PROPIA"!!

Xistral #5 18/Abril/2008 Xistral
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Eu concordo con mercedes en todo. É tal como di. Gastamos os cartos públicos de toda a xente para regalarlle as cousas a unha pouca e de moito poder adquisitivo.
O único bo, se se lle pode chamar así, é que non se van facer novos senón que é ampliación dos existentes.
Poden aprender de Irlanda ou Inglaterra que teñen moitas máis embarcación de recreo destruindo moito menos. Pero cando se trata de loitar contra a ignorancia, o paletismo e con persoas que van de vacacións ás Baleares ou á costa levantina..., pouco hai que facer. Que paletos e pouco ilustrados son os elementos que nos gobernan. Por Deus, se a maioría nunca traspasou a península, e se o fixo foi en viaxes organizadas como un montón de ovellas como os que vin eu hai dous anos en Delft, Volendam (Holanda) que non sabían nin que comer. De Irlanda xa nada os pobres. Porca miseria...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: