Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Non haberá modificacións", confirma a consellaría

Un Comité asesor xestionará as dúbidas na aplicación das normas do hábitat nas vivendas

A súa posta en marcha será "inmediata" e estará composto por construtores, promotores, concellos e usuarios.

Redacción - 20:09 10/04/2008

A Consellaría de Vivenda confirmou as palabras do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que esta quinta feira anunciou que o departamento que dirixe Teresa Táboas analizará "o ritmo e as condicións de aplicación" das Normas do Hábitat Galego e arbitrará "medidas" para que o sector da construción teña capacidade de adaptarse á nova normativa nun momento de desaceleración económica.

O 'ritmo' e as 'condicións' ás que fixo referencia o presidente do Goberno e, en xeral, todas as "dúbidas e suxestións" que poida haber na súa aplicación serán xestionadas por un Comité asesor de habitabilidade, segundo informaron fontes da Consellaría de Vivenda.

Isto "non supón en absoluto" que se introduzan modificacións no decreto aprobado polo Consello da Xunta o pasado 20 de decembro, afirman dende o departamento, mais si que se trate de "flexibilizar" a súa aplicación. "Cómpre facer un esforzo entre todas as partes", din.

A posta en marcha deste novo órgano será "inmediata" logo de que a vindeira semana entren en vigor as normas, e daralles voz -por vez primeira tras a aprobación dun decreto que non o contempla- a "todos o axentes implicados: promotores, construtores, cooperativas, concellos e usuarios".

Encarecemento "mínimo" dos custes de construción

Ao respecto das queixas dos promotores, que sinalaban que as normas encarecerían o custe da vivenda un 15% -o PPdeG afirmou que suporá entre o 25% e o 30%-, dende a consellaría sinalan que este será "mínimo" e que en todo caso compensa co "grande beneficio" que vai supoñer para os cidadáns.

Neste senso, a conselleira Teresa Táboas xustificou o cambio de normativa xa que para un galego medio, un piso constitúe "o maior investimento da súa vida", polo que esta "debe ser de calidade". "A xente que paga por un piso cantidades moi grandes, debe gozar dunha vivenda de calidade, con máis luz, mellor accesibilidade, con medidas de protección contra a chuvia no portal, cos baixos rematados, ...", engadiu.


5/5 (4 votos)

Comentarios (3)

Sabrexo #1 10/Abril/2008 Sabrexo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Eu a principal dúbida que teño será canto van baixar os beneficios obscenos dalgún promotor. Non creo que moito, pero seguro que vai haber que oírlles a perrencha.

GALICIEN #2 10/Abril/2008 GALICIEN
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

As vivenda deben ter máis espazo e unha calidade dos materiais moito maiores, xa que o prezo destas é disparatado. Alguén ten que ponher respeito, bravo CONSELLEIRA.

outrolector #3 11/Abril/2008 outrolector
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Conselleira,

- Estalle ben eso de estar ao abrigo da chuvia no portal... pero diga o argumento máis importante: a redución de custos de uso (enerxéticos ,e logo medioambientais) e de mantemento (calidade dos materiais e bó deseño) ao longo da vida da vivenda, que ten que durar e permitir vivir!

- Teña presente que a trepia ten tres patas: boa intención e boas ideas + capacidade e medios + INSPECCIÓN e medidas coercitivas e sancionadoras para os axentes dese mundiño da construción . Non se esqueza de asentar ben - vostede é quen debe facelo, denunciando as pexas que lle poñan - esa terceira pata.

- Polo demais , parabéns para vostede e para todos os "de ben", de ben común (deixando aos sectarios e falsos e "lobbys" fora).

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: