Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Problemas coas contas

Mouriño bótalle a culpa a Horacio Gómez da situación económica do Celta

O clube celeste debe 84 millóns. Hai dúas semanas mesmo recorría ás institucións pedindo cartos. O presidente acusa aos seus antecesores.

Redacción - 11:45 14/11/2007
Mouriño, falando no programa Desde Galicia para el Mundo / Flickr: ucb

Mouriño, falando no programa Desde Galicia para el Mundo / Flickr: ucb

Na terza feira, o presidente do Celta comparecía ante os medios de comunicación para dicir que o "Celta é viábel, economicamente", e que a actual dirección do clube que el preside, "non vai abandonar o seu proxecto: conseguir un equipo sólido no deportivo, e viábel no económico".

Nestes termos se expresaba Mouriño, após semanas de ruxerruxes sobre a inestabilidade económica do equipo, que debe, segundo os propios administradores, 84 millóns de euros.

Gastos que non aparecían e xogadores doutras épocas que non cobraron aínda
Dentro da débeda, 18 millóns correspóndenlle a Facenda, e ninguén sabía nada deles, porque, ao parecer, non aparecían en ningún balance, polo que nunca se fixo ningunha previsión de facer este gasto.

As contas 2006-2007 tamén inclúen xogadores que aparecían no balance como activos, a pesares de non pertencer ao clube dende hai tempo (coma Catanha, que aparecía como activo nas contas, cun valor de 3,8 millóns, catro anos depois de marchar do Celta).

Nos últimos meses, o clube asegura ter regularizado, ademais, a situación de todo o cadro de xogadores e atendeu as débedas rexistradas con algúns dos ex xogadores. Ao parecer, había futbolistas de épocas anteriores que aínda lle seguían reclamando cartos ao Celta, e esta débeda tampouco estaba rexistrada en ningún apuntamento contábel.

O problema principal que houbo, segundo Mouriño, é que non se corrixiron, durante anos, as observacións dos auditores, e as cousas foron quedando como están agora, cos acredores chamando á porta.

Mouriño bótalle implicitamente a culpa a Horacio Gómez
Ao terminar a súa comparecencia, Carlos Mouriño insistiu en que o actual equipo rector vai "pelexar" polo futuro do clube "dende a verdade e a transparencia" na xestión.

As contas auditadas van ser presentadas polo Consello de Administración á Xunta Xeral de Accionistas o vindeiro día 3 de decembro, e nelas, segundo Mouriño, hase reflectir fielmente o estado financeiro e patrimonial do Clube.

Segundo o presidente do Celta (quen falou, durante toda a comparecencia, da mala xestión dos seus antecesores, sen dar nomes e sen culpar directamente a ninguén), unha as solucións posíbeis que está barallando o clube é facer unha ampliación de capital, para recuperar os fondos propios, "necesarios para apoiar o proxecto deportivo". "O fútbol moderno esixe conxugar os goles e as cifras para poder afrontar o futuro con seguridade", terminou Mouriño.

Horacio Gómez cala, até que se celebre a xuntanza de accionistas
O ex presidente do Celta preferiu gardar silencio, após as declaracións de Mouriño, que o inculpan do problema económico do Celta. Tras a Xunta Xeral de Accionistas (a celebrar o 3 de decembro), Gómez ten previsto dar unha conferencia de prensa na que vai aclarar os aspectos máis escuros da súa xestión.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Comentarios (8)

serbia #1 14/Novembro/2007 serbia
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Oi que raios con Mouriño! Un tipo que vén de México, a facer negocios e empeza con Celta. Chimpa a Vázquez, bota á xente que levaba toda a vida a traballar no Celta, e agora bótalle as culpas a Horacio -que non é santo da miña devoción. Unha de dous: ou Mouriño é parvo e non revisou o estado do clube antes de se facer cargo del ou pensa que está aínda en México e pode facer o que lle saia do c... porque ten protección do presidente da República. O que nos espera aos celtistas!!!

baltar69 #2 14/Novembro/2007 baltar69
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

a mín o do asunto do celta resbálame, tanto me dá que haxa unha s.a. celta coma que haxa unha pescados troulo. a mín o que me gusta é a filla do presidente; seica fixo espantar o búlgaro ante as súas demandas e devaneos. nin un tipo ferreño e curtido coma hristo podía soportar tanta pasión. hum.

Xeonllo #3 14/Novembro/2007 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O problema do Celta ou do Deportivo, clubes que pretenden prosperar dende hai xa moitos anos a base de talonario e desprezo á canteira, é similar ao problema galego de falta de normalización nacional e da nosa propia personalidade.

E logo está a sospeita sempre presente de se usarán ou non o clube para os seus propios intereses crematísticos. Ou sexa, todo o contrario de como se debe dirixir un clube de fútbol, que non esquezamos que non debería ter outro obxectivo que o ben deportivo e, sendo sociedades anómimas como o son agora, unha xusta e transparente xestión do diñeiro dos accionistas.

Todo feito ao revés. Magoante.

BonKarallan #4 14/Novembro/2007 BonKarallan
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

En bo tempo. Acábase de dar conta agora.

BonKarallan #5 14/Novembro/2007 BonKarallan
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Mágoa que Lendoiro non ten un ex-presidente ao que botarlle a culpa.

eugalego #6 14/Novembro/2007 eugalego
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O Celta vai desaparecer, que mágoa, agora que xa superei antigos localismos, agora que creo en tódalas equipas galegas: Celta, Depor, R. de Ferrol, Pontevedra, C. D. Lugo, Ourense...

Esta concevido coma umha empresa, na que a vangarda do capitalismo (Mourinho, Laporta, Calderón, Florentino Pérez, Del Nido, Lopera, Abramovich...) mira polos seus intereses. O sentimento, a paixom, as cores... so som postas polos siareiros. Onde esta o celtismo de Oubinha, Salgado, Ángel, Baiano? No caralho, som tudos uns mercenários, uns porcos, uns "puteros" e bébedos. E o deportivismo de Andrade, Capdevila...?

É vergonhento que o Celta B leve umha morea de anos consecutivos em SªB e nom sexa a espinha dorsal da equipa, e que no vrao traiam a 5 macacos do "Real Madrid Castilla".

Pois nada, eu agora quédo-me coa selecçom galega, que nom é umha empresa. Parafraseando á Banda de Poi: "jogadores desta terra, mercenários marionetas". "Hai gansters, na direcçom, xa se esta a especulaçom, que negociam coa paixom, as cores da tua equipa e co gol". Horacio Gómez e Mourinho som corruptos, especuladores, mafiosos... tinham que estar na cadea, e nom, o único que fam e desfrutar do capitalismo.

Por umha Galiza ceive tudos xuntos, sem brigas internas: Depor-Celta-R. de Ferrol-Pontevedra-C. D. Lugo-Ourense-Endesa as Pontes-Negreira...

BonKarallan #7 14/Novembro/2007 BonKarallan
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Temos que dar as costas todos ao fútbol profesional que nos rouba os cuartos e quedarnos, cun fútbol galego, aínda que sexa de afeccionados.

Quen non se entretén vendo ao seu fillo xogar no equipo do colexio, aínda que sexan uns mantas?

Pois non se vai a acabar o mundo por que o futbol profesional desapareza cos seus ladróns.

¡¡Fútbol galego xa!!

A Liga remata na Terceira División. A Segunda B = Liga de Campións.

¡¡TVG televisa a Terceira e as Preferentes!!

Xeonllo #8 15/Novembro/2007 Xeonllo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Baltar, dis:
"a mín o do asunto do celta resbálame"

Pois iso non é unha expresión galega, home. E non só porque resbalar non existe en galego. Tamén porque non existe ese tipo de expresión para indicarmos que algo non nos importa.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Durante a conferencia de prensa na que se explicaron aspectos fundamentais das contas do equipo
Durante a conferencia de prensa na que se explicaron aspectos fundamentais das contas do equipo
Catanha seguía aparecendo nas contas como activo, a pesar de ter marchado do clube hai tempo
Catanha seguía aparecendo nas contas como activo, a pesar de ter marchado do clube hai tempo
unha fotografía do cadro de xogadores do Celta
unha fotografía do cadro de xogadores do Celta