Na segunda feira houbo varios episodios de violencia no país, nos que os simpatizantes da Fretilin bloquearon estradas con pneumáticos ardendo. Mentres, a Fretilin falaba de golpe de estado.
O Presidente de Timor Leste, José Ramos-Horta, convidou esta segunda feira a Xanana Gusmão, a quen sucedeu en maio, para formar con el goberno, con base na Aliança com Maioria Parlamentar (AMP). Esta coalición foi constituída por catro partidos despois das lexislativas do 30 de xuño, onde non está a Fretilin, o partido máis votado, co 29 % dos votos emitidos.
Ramos Horta dixo ter procurado unha "solución o máis abranguinte posíbel", ao convidar a Gusmão , do Congresso Nacional da Reconstrução de Timor-Leste (CNRT), para formar con el goberno, xa que non se puido chegar a unha "converxencia de vontades". Mais para o líder da Fretilin, Mari Alkatiri, a elección do novo primeiro ministro está a raiar a "inconstitucionalidade", xa que, nas súas palabras, trátase "dun golpe de Estado".
Obviando as posíbeis reaccións da Fretilin, Ramos Horta terminou o seu discurso, xa escrito hai cinco días, afirmando que o novo executivo "terá de respectar toda a oposición e os seus diferentes puntos de vista", e tamén tivo palabras de aprecio para os que "teñen gobernado e tomado conta da vida pública segundo o interese xeral", referíndose á Fretilin, e a seu líder, Mari Alkatiri, en quen dixo ter atopado "serenidade e sentido de Estado".
Comezan as protestas
Mais isto non foi suficiente para que a violencia non tivese xurdido de inmediato, primeiro en Baucau e despois en Díli, na capital, por parte de grupos simpatizantes da Fretilin, que lanzaron pedras, bloquearon estradas e queimaron pneumáticos. Nalgúns campamentos de refuxiados penduraron cartaces nos que se podía ler: "Xanana é un fantoche" e nos que se acusaba o antigo Presidente de estar baixo a influencia da veciña Australia e da Administración Bush.
Segundo fontes policiais, algúns edificios foron destruídos por un incendio, mais segundo algúns enviados da TV portuguesa en Timor, os incidentes non foron máis graves que os de outras veces.
Preto do 10% da poboación total timorense está aínda a vivir en condicións precarias, en campamentos ou residencias provisionais, o que axuda a potenciar a axitación social e fai que se despracen até alí, diariamente, policías e militares estatais e internacionais.
Están un pouco oscuras as posicións e os intereses que defenden. Haberá que agardar a averiguar algo claro ó respeito
Todo o que sei de Timor Leste ven matizado polos medios portugueses ou polas axencias de información, pero a min cheirame que fora o FRETILIM ou fora outro nome, mentres que manteñan un ideario marxista, revolucionario ou contrario os USA e Australia, calquera será presidente do goberno menos eles.
Poderá soar a complexo conspiratorio pero realmente é incrible como se levantan gobernos de palla en semanas nalgúns paises que para nos, mentres nos den polo pao, son chamados democráticos. E das condicións nas que se fan os comicios ... habería que falar. ¿14 partidos candidatándose ó parlamento para 300.000 votantes?
¿Hai por eiquí alguén que poida falar dende o propio Timor Leste?