Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MUNICIPAIS07

O Deza: as eleccións no quilómetro cero

A comarca, conformada polos municipios de Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada e Dozón, conxuga a súa vocación agrogandeira cunha poxante industria téxtil e do metal.

Ramon Vilar - 09:48 15/05/2007
Dende que o ex conselleiro Xosé Cuíña tivera que abandonar a primeira liña da política galega, o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, foi collendo con sixilo o liderado dos conservadores da comarca. Poucos dubidan que o 27-M volva lograr a maioría absoluta no municipio. Na actualidade o PP conta con 14 dos 21 concelleiros, os socialistas teñen 4 e os nacionalistas 3. Porén, os partidos da oposición están seguros de que os conservadores va deixar algún edil polo camiño.

As dúas caras da moeda
Crespo centrará unha vez máis o seu discurso no crecemento urbanístico e industrial de Lalín. O rexedor gábase a miúdo de que o municipio é o único (de quitado as urbes) que medra no interior do país. Con pouco máis de 20.000 habitantes, Crespo repite unha e outra vez que a capital da comarca pode entrar a medio prazo no grupo dos dez municipios máis poboados do país. A diferencia doutros colegas, optou intelixentemente por non enfrontarse por sistema ao novo Goberno, xogando un papel mediador dende a Fegamp. Pola contra, dosifica arteiramente as súas reivindicacións na gratuitade da autopista até Santiago (unha das máis caras de Galiza) ou a necesidade dun hospital comarcal.

Mais para a oposición o panorama é ben diferente. Nacionalistas e socialistas acusan aos populares de manter un sistema clientelar, especialmente nas parroquias máis rurais (que concentran algo máis da metade do censo) e de subordinar as necesidades diarias a proxectos máis faraónicos: nova casa consistorial ou o Lalín Arena (recinto multiusos). O potente sector téxtil (Florentino, Montoto, Toypes...) non atravesa o seu mellor momento. De feito, os sindicatos denuncian que o próspero Lalín industrial ten tamén outra cara ben menos agradábel e visíbel: a inestabilidade e a precariedade laboral. A oposición tamén acusa ao alcalde de erguer a bandeira da AP-53 e do hospital agora e de falar en voz baixa cando os seus correlixionarios estaban en San Caetano.

A sinuosa relación Cuíña-Crespo
Pola capital do Deza sobrevoaron hai meses as pantasmas dunha crise interna no PP local. As relacións entre Crespo e os cuiñistas non pasaban polo seu mellor momento. Este últimos consideraban que o rexedor non se “mollara” abondo á hora de apoiar ao de Filgueira na loita pola sucesión de Fraga. As especulacións sobre a posibilidade dunha candidatura independente auspiciada polo cuiñismo non chegaron a callar. O alcalde conseguiu integrar ao que fora o seu mentor na lista e acalar o ruxe-ruxe.

A sombra de Cuíña segue, catro anos despois, a ser incómoda para determinados sectores populares. Ninguén se atreve, e menos na súa patria pequena, a dalo por finiquitado politicamente. O 27-M vai ser o primeiro exame serio para Núñez Feijoo, uns resultados peores ca en 2003 poderían ser o mellor estimulante para o antigo barón do Deza.

Silleda e Rodeiro, as primeiras fendas
O municipio de Silleda, con algo máis de 9.000 habitantes, é o segundo en importancia na bisbarra. En 2003, o alcalde Xosé Fernández Viéitez (PP) logrou unha apretada maioría absoluta grazas ao voto emigrante (7 concelleiros PP, 3 independentes, 2 BNG, 1 PSdeG). A súa xestión é moi cuestionada debido á forte débeda que paraliza practicamente ao concello e a medidas impopulares como as abusivas taxas por consumo de auga. Aínda que lle sobran inimigos internos, a súa amizade persoal co presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, propicioulle unha nova oportunidade.

A dirección provincial socialista é consciente de que no municipio trasdezao é moi factíbel un cambio de goberno. Por iso, non dubidaron en fichar a unha xove arquitecta, Paula Fernández, e en integrar na lista xente da segunda forza local (CIS), organización independente que no seu momento fomentaron militantes críticos co alcalde conservador. O BNG volve confiar en Carme Fidalgo para intentar chegar á alcaldía.

Rodeiro é outro municipio onde os socialistas cren ter opcións de rachar a hexemonía da dereita. Practicamente imposíbel semella unha alternancia nos municipios de Vila de Cruces, Agolada e Dozón. Neste último concello goberna con man de ferro o peculiar Adolfo Campos. O veterano rexedor vese rodeado con facilidade de polémicas. Un exemplo é o caso dun matadoiro da súa propiedade que está no punto de mira constantemente por verter a un río ou as denuncias xudiciais da CIG por acoso laboral a unha funcionaria. O ano pasado os xornais locais fixéronse eco doutras súas múltiples “extravagancias”: o asfaltado dunha pista que conduce a un “night club” e a aprobación dun PXOM que nin viran diante os edís opositores. Sexa como for, Campos Panadeiro mantén o tipo e semella non importarlle o máis mínimo a controversia que xera a súa xestión.

Novas relacionadas


A volta

"Estes días andei bastante liado coa elaboración da lista. O certo é que é un dos momentos máis complexos para un político. Eu atópome especialmente satisfeito. Adianto neste blog que para min é unha honra que Cuiña aceptara pechar a candidatura ocupando o posto número 21", Xosé Crespo, do seu blog.

A volta

"Deixen de facer oposición ao Bloque e de ser o tonto útil de Crespo. O noso único e humilde obxectivo é facer forza para sacar a Crespo da alacaldía e pídolle ao PSOE que só sexa oposición do PP", o portavoz dos nacionalistas, Francisco Vilariño, dirixíndose aos socialistas nun pleno.

A volta

"Non malgastaremos o tempo nin os cartos dos lalinenses en obras faraónicas feitas para alimentar o ego dun alcalde megalómano e soberbio, endeusado no seu olimpo". Palabras de Manuel González Aller (PSdeG) no acto de presentación da súa candidadura diante dos veciños.

4,64/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Resultados nas pasadas eleccións en Lalín
Resultados nas pasadas eleccións en Lalín
Crespo, entre Cuiña e Feijoo
Crespo, entre Cuiña e Feijoo
Francisco Vilariño, candidato do BNG
Francisco Vilariño, candidato do BNG
González Aller é o número un dos socialistas en Lalín
González Aller é o número un dos socialistas en Lalín