Sublíñano desde o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, Igadi, na presentación do último número da revista Tempo Exterior, incluíndo "unha ampla reflexión sobre a idea de Europa, a súa aparente parálise política interna e as súas relacións internacionais".
Incorpora artigos sobre a complexa ampliación da Unión Europea, principalmente cara Europa do Leste (Celso Cancela Outeda), as debilidades e retos globais da política exterior europea (Benjamín Kienzle) e o impacto do proceso de integración europeo para América Latina, plasmado desde unha perspectiva latinoamericana (María Elisa Gentile, Eliana Dam e Úrsula Eyherabide). Ademais, reflexións de tres eurodeputados galegos: Daniel Varela (PPdG), Rosa Miguélez (PSOE) e Ana Miranda (BNG).
Entre outros, tamén unha análise das recentes eleccións francesas (Enrique Sáez Ponte), unha reflexión sobre o intervencionismo estadounidense en América Latina (Xoán Anllo), e un artigo sobre a influencia de Internet e os seus riscos na configuración dunha sociedade democrática plural e global (Luís Pousa).