Vieiros

Vieiros de meu Perfil


O que avisa...

14:57 06/09/2008

Hai máis de vinte anos que participei coma secretario do Patronato da Cultura Galega de Montevideo no nacemento da Unión de Sociedades Galegas nas terras uruguaias. Se lembro aquelas reunións é para avisar sobre que a futura Delegación da Xunta de Galicia no Uruguai deberá ter na axenda ben suliñada en cor vermellada a prioridade de que as entidades de emigrantes acorden unhas bases para o establecemento dunha unidade real. Hai aínda hoxe dirixentes de asociacións que non queren escoitar falar deste tema e ano tras ano seguen a teimar na negación da evidencia de que a nosa loitadora colectividade está esmorecendo.

A partir de 1960 ao porto da capital uruguaia xa non chegaban barcos ateigados de emigrantes e polo contrario volvían para Galicia con aquelas mulleres e homes que non fixeran a América. En Montevideo temos o exemplo do Centro Coruñés que nos informa dun antes e dun despois na emigración galega ao Uruguai. A súa desaparición amosa o peche dun ciclo de máis dun século de emigración e os historiadores do futuro terán que deterse na análise deste feito. Os coruñeses e sobre todo os da capital eran na súa gran maioría empregados e non comerciantes e por iso mesmo foron os primeiros en decatarse que o feliz Uruguai ía camiño da desfeita. Cando falo do Centro Coruñés estoume referindo á entidade que tiña a súa sede social no número 1617 da rúa Ejido e que desapareceu baixo a presidencia do meu vello amigo noiés don Miguel Vázquez Valiño.

Se daquela houbo escasa visión de futuro entre os dirixentes da colectividade foi porque a política era a de pan para hoxe e fame para mañá. Os oídos estaban pechados para escoitar calquera mínima formulación na que se albiscase falar de unirse. As xuntanzas nas que participei son hoxe lembradas polos seus protagonistas coma históricas. Se ben é certo que non serviron de moito foron un primeiro paso para poñer enriba da mesa o asunto do envellecemento da colectividade e por tanto a diminución da masa social e a necesidade de que herdasen os fillos e netos. Nestas reunións soamente se falaba da organización de actividades culturais conxuntas ou concertadas xa que ninguén quería falar do auténtico problema: a venda de bens inmobiliarios para sumar ao patrimonio común. Algúns dos participantes asistían para non quedar mal e outros para intentar meter algún gol ou para que non se lles escapase ningunha viaxe pagada.

Hai agora outra sensibilidade? Penso que si…sobre todo despois da intervención polo goberno uruguaio da Casa de Galicia. Coido que o sucedido coa institución mutualista galega máis grande do mundo fixo que moitos pensasen seriamente no futuro. Pero eu son dos que lembro tamén o pasado xa que a intervención foi unha labazada aos esforzos dos vellos devanceiros que fundaron e mantiveron en pé unha entidade que viña cumprindo unha dobre función: sandar o corpo e o espírito. Hai moito tempo que tres bos amigos meus, Xesús Canabal, Manuel Meilán e Marcelino Martínez, dicían que o verdadeiramente importante non era a derrota da “Lista 26” [a chamada lista oficial que lideraba o pontecesán Luís Andrade Castro] senón quedar sen institución. Aqueles tres vellos galeguistas están agardando con ilusión que os nosos netos collan o temón para o comezo nunha nova singradura da Casa de Galicia. Se os netos non herdan os esforzos dos avós emigrantes foi pola tozudez ao non arranxar as cousas. Non debemos ser cativos de pensamento e deixar só os problemas. Os argumentos de que eles non están integrados na colectividade son falsos. Están dentro porque son os lexítimos herdeiros dos milleiros de galegos que se acubillaron debaixo do sol da bandeira azul e branca. Se deixamos as cousiñas en regra continuarán con entusiasmo o labor porque saben que agora é a súa quenda.


Supoño que no goberno galego están a traballar con seriedade para que a persoa que dirixa a Delegación saiba que “orientales” e “uruguaios” non son sinónimos e que Artigas e máis que un apelido. Haberá que ler todo o que escribiu Carlos Zubillaga Barrera e coñecer algunha das letras que escribiu Vítor Soliño. Non veñamos a “meter a pata” con nomeamentos que só teñen unha boa recomendación. A Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo non é para quen queira gañar un salario. Non… por favor. Alí vaise por compromiso patriótico senón será un fracaso. Se se quere representar axietadamente esta nova Galicia e cumprir cos que deixaron os seus ósos no cemiterio del Norte (temos alí dous panteóns sociais) é mester ter vocación de servizo. Se na Xunta houbo sensibilidade para entender que a colectividade uruguaia ten características propias ---semellantes pero non iguais ás arxentinas--- haberá que escoller con sentidiño aos que estean ao fronte da Delegación porque neles estaremos vendo a Galicia. No meu querido Montevideo contamos con ducias de persoas dispostas para achegar o seu ombreiro sempre e cando sintan que detrás do escritorio teñen alguén que desexa traballar con entusiasmo e sentimento na mellora xeral da colectividade. O que avisa…

4,25/5 (8 votos)


Comentarios (8)

CGB #1 7/Setembro/2008 CGB
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pois si que é un tema interesante o da futura DELEGACIÓN en Montevideo. Trátase dunha especie de "embaixada" e por tanto alí está Galicia. Os que a visiten deberán ser atendidos por xente eficaz e coma ben di Súarez "con corazón". Non sei pero teño medo de que desde a Xunta non se pense con detemento que non vale calquera para dirixir a nosa representación oficial no Uruguai. Moi ben o de que "O que avisa..." para logo non vir con desculpas.

perezgulin #2 7/Setembro/2008 perezgulin
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Veño de facer uns traballos en Montevideo e Bos Aires coa colectividade galega etiven a oportunidade de comprobar que en realidade, a colectividade xa non existe como tal, non sendo nos redutos de poder que aínda lles quedan aos cadros diretivos dos aparatos que outros puxeron.

Unha nova sensibilidade e un novo trato entre iguais nas actuacións é o que se precisa para acadar unha relación madura entre s Galicia residente e Galicia exterior.

Servirá a Delegación de Montevideo para algo?? Cando menos espero que sexa unha institución de verdade e que retire eses poderes que algúns teñen amarrados e non deixan entrar ás e aos que non son o pensan como eles (sempre masculino).

Barbara #3 8/Setembro/2008 Barbara
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Nunca estiven por alí pero teño familiares retornados en Carballo. Contan que en Montevideo hai varias asociacións sen xente e por tanto con escasa actividade. Eles eran socios da Casa de Galicia e do Centro Bergantiños que se complementan (asistencia sanitaria por lado e lugar de encontro polo outro). Comentan que o caso pontevedrés é moi indicativo: hai tres entidades que son o Val Miñor,o Pontevedrés e o Morgadáns. Creo que Suárez S.ten razón que o choio non é para calquera porque desde a delegación haberá que acabar cos "chiringuitos" antidemocráticos que media ducia de dirixentes non queren abrir aos novos tempos.

AURINEGRO #4 8/Setembro/2008 AURINEGRO
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Estiven hai uns días en Bos Aires e ceando no restaurant do Centro Lalín (cómese moi ben alí) escoitei que a Delegada da Xunta de Galicia ten unha persoa escollida para Montevideo. Dixeron que a estaba "preparando" porque non coñecía nin a realidade galega nin por suposto nada da colectividade uruguaia. Se mal non entendín as orixes son andaluzas. Os que estaban comigo que son tres dirixentes da colectividade quedaron bastante sorprendidos de que sexa a Delegada na Arxentina a que faga e desfaga. A pregunta que se fixeron foi a de se non hai galegas e galegos ou fillos ou netos de galegos que coñezan mellor o terreo montevideano. Se é certo entón o tema do "corazón e sentimento" do que fala S.Suárez sería algo sen importancia ningunha xa que o importante é "ter enchufe". Haberá problemas e hai eleccións en marzo porque o que avisa...

Artiguista #5 8/Setembro/2008 Artiguista
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O coñecemento do terreo [é dicir a colectividade emigrada en Montevideo]e un currículo no que se comprobe que a candidata/o ten realizado actividades sobre emigración galega no Uruguai pois paréceme básico e determinate para a elección do futuro/a DELEGADO/A na capital uruguaia. Por desgraza aínda hai no goberno galego compartimentos blindados que son os que deciden sobre un tema sen que poida opinar o departamento especializado. Véxase: a) escolle a Secretaría Xeral de Acción Exterior; b)non se consulta para nada á Secretaria de Emigración. O tema das DELEGACIÓNS que son as representación de Galicia no exterior debería ter un Estatuto-Regulamento e loxicamente calquera nomeamento debería de contar co "placet" do socio de goberno que non ten esa competencia. As oficinas exteriores son GALICIA e non delegacións partidarias por tanto o mellor é que os emigrantes non vexan alí a un ex deputado. Xa sei que todos queren poñer dos seus pero hai límites éticos cando falamos dunha representación oficial que pagamos todos os contribuíntes. Moi oportuno o artigo de Suárez.

NOVOGARDEL #6 8/Setembro/2008 NOVOGARDEL
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Se man caso teñodous candidatos para a Delegación montevideana da Xunta. Un é galego e chámase Manuel Suárez Suárez e outra é uruguaia e o seu nome é Cristina Fernández. Sería un dúo ideal por unha banda un bo coñecedor do mundo da emigración galega e pola outra unha recoñecida figura da cultura galega no Uruguai. Cristina é a filla do famoso multifacético Pepe Fernández que tiña as súas raíces na lucense Pastoriza. Ademais de levar máis de 30 anos cantando temas galegos é militante do Frente Amplio e mantería unha excelente relación co goberno local e nacional.Por suposto que ningún dos candidatos sabe desta miña suxestión que se basea na fusión de dúas recoñecidas figuras da colectividade emigrada. Así o novo goberno non terá que cesar no 2009 a quen "enchufe" a señora ex deputada Porteiro.

CGB #7 8/Setembro/2008 CGB
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Apoio a candidatura Fernández-Suárez. Paréceme ben que se pense en que alguén ten que saber do Uruguai e algúen de Galicia. O que non é admisible é nomear a dedo a quen non sabe nada do Uruguai e menos de Galicia. Nos requisitos deberá pedirse o dominio correcto do galego oral e escrito (ter o certificado CELGA)e deixarse de trangalladas de enchufes que o único que fan é deixar mal a Galicia. Buscarei algún disco de Cristina Fernández porque dela non teño...si coñezo a Graciela Pereira que tampouco ninguén contou con ela na Arxentina.

osimon #8 13/Setembro/2008 osimon
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Estase a designar o delegado no Urugai, e imposible que a mesma non "caia" nal alguen vencellado ao goberno bipartito, o ,mais relevante que a persoa teña a listeza de aglutinar ao redor de si as persoas capaces e coa capacidade de xestión para manter vixente a loita polo interes dá coletividade emigrante, tarefa nada sinsella xa que os novos non ten a nocion dos origes que tiñan os nosos emigrantes.
Ainda asi o reto será constituír un novo movemento asociativo no país e chegar as vontades dás actuais xeracions, devanceiros dos emigrados, cun proxeto cultural e integrador mais alo de que sexan figuras dá coletividade ou non.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003).





Locais:
GZ-Sete