Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Ceferino Díaz e a Autonomía Galega

11:37 12/05/2008

Ramón Piñeiro tiña razón. A Autonomía foi a apertura dun camiño novo cara ao futuro. Consolidou Galicia como nacionalidade histórica e dounos o instrumento de autogoberno que xamais antes tiveramos os galegos. De feito, hoxe toda forza política representativa ou que o pretenda ser, recoñéceo.

Todo este tempo, nunha democracia española aínda non consolidada (por exemplo: dimisión de Felipe González en maio de 1979 ou a data do 23F...); que vai desde a preautonomía até a aprobación do Estatuto galego de 1980, está reflectido por Ceferino Díaz - un dos actores fundamentais desde as súas responsabilidades na dirección dos socialistas galegos - no seu libro editado por Galaxia: “A esforzada conquista da Autonomía, 1979 – 1981”, e que leva como subtítulo “Unha ollada desde o socialismo galego”; e prólogos do Presidente Touriño e de Alfonso Guerra.

Este é un libro chamado a ocupar un lugar destacado na memoria recente do País. Reflicte desde dentro o tortuoso camiño, que finalmente, dou lugar ao actual sistema político galego. Faino sen sectarismos, aportando actas, documentos e, tamén, dando entrada a outras voces do conxunto do espectro político de entón. Fronte a quen pretenden que se esqueza de onde viñan, que defendían ou pretenden reescribila para darse un protagonismo que non tiñan.

Tras a aprobación dos estatutos catalán e vasco, a dereita pretende usar Galicia como freo na construción do incipiente Estado das Autonomías. Coa axuda obxectiva de aqueles sectores contrarios, que coa súa proposta de “Bases Constitucionais” debilitaban á Galicia autonómica; Ceferino Díaz reclama como patrimonio político do país, o papel decisivo dos socialistas, pero tamén do conxunto da esquerda, tanto do PCG, como das achegas parciais e dubitativas do POG de Camilo Nogueira (que miraba de reollo aos seus competidores no campo nacionalista), así como de outras forzas menores como o PG.

E a estas alturas, tamén, convén lembrar o papel negativo, de asociación coa UCD anti estatutaria, do PNV e CiU no Congreso dos Deputados. Evidentemente, resolto o papel que ían xogar Euskadi e Catalunya, Galicia merecía ser sacrificada para as dereitas nacionalistas, para remarcar o diferencial entre eles e o resto do Estado.

Como dicía é un percorrido por unha etapa da historia galega que recolle a preautonomía, o Grupo dos 16, o primeiro estatuto aprobado en solitario pola UCD, as mobilizacións contra a “Aldraxe”, os desacordos das forzas galegas, a longa espera, os Pactos do Hostal e o estatuto reformado e plebiscitado. Pero, tamén é un repaso polas posicións políticas dos diversos partidos, e obviamente, do PSOE federal e as súas contradicións, e as propias do incipiente PSdeG.

Non deixa de ter interese os apartados dedicados ao trasvase de militantes do PSG, o papel de Ramón Piñeiro, Realidade Galega, e a transformación da Federación Galega do PSOE en PSdeG. Así, Ceferino Díaz reivindica unha cultura socialista claramente galeguista, de defensa da identidade nacional de Galicia e do idioma galego, non só como dereito senón tamén como obriga.

Finalmente, ao abeiro do pasado histórico inmediato o proxecta como semente e base dun novo Estatuto para a Galicia do século XXI e fai unha aposta por chegar a un acordo de mínimos, que sexan asumidos por todos, e que permitan facer política de país.

Ceferino Díaz é un referente fundamental na política galega desde a Transición. As súas análises e opinións resultan de interese para o conxunto dos galegos. Estes días está a presentalo seu libro por todo o país. Recoméndolles achegarse a Ferrol o 22 de maio; aquí estará invitado pola Asociación Fuco Buxán.

2,08/5 (26 votos)


Comentarios (16)

Sabrexo #1 12/Maio/2008 Sabrexo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Xa, o que pasa é que Ceferino Díaz, "defensor da Autonomía Galega", é un dos deputados do PSOE nas Cortes elixidos polas circunscricións galegas que votan en contra do que o seu propio partido aproba no Parlamento de Santiago, ou respalda o goberno do PSOE que non cede, ou o fai de mala gana e só cando precisa os votos doutros, as competencias recollidas no actual Estatuto.

seganho2 #2 12/Maio/2008 seganho2
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Haberá que ler o libro, claro, e logo falar. O que pretenderá Cendán é iso,e por tanto ousa afirmar opinións sobre o papel dos protagonistas da pequena historia do país no tempo que relata . Defende o papel do PSOE daquela, defende a Ceferino, e reduce a pouco o que fixeron os outros partidos. Volverei a falar, pero xa deixo constancia de que no proceso estatutario, na mobilización, no volantazo ás posicións no campo nacionalista, e na organización do Estatuto dos 16 e na resposta digna da xente da Galiza, non se pode describir como fas o papel do POG e o de Camilo Nogueira. E, en troques, as xentes do PSOE neste tema, e moi logo na reconversión naval, mostraron ter tragadeiras enormes, que ainda estamos a pagar. Eu sei ben das posicións de Ceferino Díaz, dirixente do PSdG daquela, e das suas incapacidades, sempre fiel, sempre en Madrid.

bainha #3 12/Maio/2008 bainha
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

E aínda máis poderíamos dicer no seu papel sumiso e traidor diante das grandes tractoradas contra a cuota do leite aló polos 80, cando en Madrid gobernaba Felipito Tacatún, e que conduciu a fin de contas a práctica destrucción do campo galego (de 100.ooo explotacións leiteiras pasamos hoxe a menos de 13.000). Manuel Cendán que non nos chumamos o dedo!!

bainha #4 12/Maio/2008 bainha
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

A única diferencia é que daquela A Nosa Terra estaba a ras de terra e agora dalle columna ao personaxe. Como cambian os tempos pra uns e pra outros!

dumiense #5 13/Maio/2008 dumiense
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Miguel Barros, Ceferino Díaz... precisamos un Partido Socialista verdadeiramente galego!!!

Souto-das-Dalas #6 13/Maio/2008 Souto-das-Dalas
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Esse acordo de "mínimos" foi tam esclarecidamente escasso que nom ha mais que comparar com o nível competencial dos estatutos das outras naçons daquela e na actualidade. Forom mínimos possibilistas para um regionalismo autonomista, que nos dotarom do estatuto de perfil baixo.

Cada quem vé e analisa a realidade, legitimamente, desde a sua óptica, mas lembrar ao político Ramón Piñeiro no contexto deste artigo lembra-me a outro "galeguista-autonomista" do PSOE, o García-Sabell, delegado do Governo do Estado que levou ao Tribunal Constitucional un Decreto de Normalizaçom Linguística do galego.

Tamém de "mínimos" tem sido o papel dos "galeguistas" no PSOE galego, o protagonismo, até há pouco tempo, de Paco Vázquez e outros é um bom exemplo.

semoncho #7 13/Maio/2008 semoncho
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Quem tenha um pouco de memória e honestidade nom pode negar que o papel do PSOE-PSdG naquel momento foi fulcral e positivo para a Galiza. Dada a correlaçom de forças no Estado Espanhol a postura do BNPG pode parecer muito coerente, mas nom tinha a mas mínima possibilidade de trunfar.

Outra cousa diferente é que a trajectória posterior do PSOE galego desmereça muito. Conseqüência de que a linha Ceferino foi derrotada umha e outra vez. Com o tempo o homem aprendeu, e hoje faz o que lhe mandam.

AGIL #8 13/Maio/2008 AGIL
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Ceferino, como outros, Laxe entre eles, procedem do PSG de Beiras, Lembram? Enfim... Talvez, dadas as circunstâncias da "transcendência democrática", militarizada então e ainda hoje (art. 8 da CE), não pudesse ser doutro jeito.
Contudo, cumpre reconhecer que foi o pEsoE (o PSdeGa é simples máscara do pEsoE) o demolidor, o destruidor do tecido industrial e gadeiro da Galiza. Ou não? Que foi de Ferrol e das quotas do leite e da produção de gado e...? Ao próprio tempo o pEpE promovia a eucaliptização massiva... Pobre Galiza, e são galegos os que procuram o teu "bem"...

AGIL #9 13/Maio/2008 AGIL
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Curioso: Os "galegos" deputados ou militantes em partidos nacionalistas espaÑoles reprovam que PNV e CiU não procurassem o bem da Galiza. Não eram os "galegos" os que deveriam conseguir o mesmo nível de competências que Euskádi e Catalunha? Foram eleitos os deputados bascos e catalães pelos votos dos cidadãos da Galiza? Deveria dizer com Castelão que estou farto de tanto cinismo nos partidos nacionalistas espaÑoles: Já está bem!!!

AGIL #10 13/Maio/2008 AGIL
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

E deixemos o Piñeiro de fora: Morreu. Descanse em paz. Mas não esqueçamos a desfeita que, sob o pretexto de aquela "Realidade galega", os piñeiristas fizeram contra a Galiza. Que conseguiram com as suas cedências? A chegada do pEpE de Fraga.

AGIL #11 13/Maio/2008 AGIL
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Garcia Sabell, também defunto (Deus o tenha na sua glória), foi delegado do governo com a UCD de Suárez e com o pEsoE do Felipe. Como tal e em nome do "gobierno de la nación" levou ao Tribunal Constitucional a "Lei de Normalización Linguística", em que, contra toda a hierarquização jurídica, se impunha o "deber de conocer el gallego". Logicamente o TC, três anos depois, em Junho de 1986, sentençou que não podia existir tal dever, porquanto não estava previsto na legalidade superior, que são a CE e o Estatuto.
Mas quem insistiu em incluir na LNL o "deber de conocer el gallego"? Ramón Piñeiro. Ou não sabia -ignorante- ou, sabendo, dava ocasião a que o TC sentençasse o que sentençou. Mas os outros deputados, incluídos os do pEsoE, igualmente, ou não sabiam ou cinicamente procuravam essa sentença. Lembro que daquela os deputados do Bloque-PSG foram expulsos do parlamentiÑo por não jurar a bendida e imaculada constitución espaÑola...

AGIL #12 13/Maio/2008 AGIL
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Ah, e García Sabell fora antes senador por "dedignación real", os 40 de Ayete que se diziam e que Franco e o seu sucessor nomeavam a dedo. Depois, com a CE, essa "dedocracia" foi eliminada. Mas fizeram a lei "eleitoreira" ainda vigente...

Souto-das-Dalas #13 14/Maio/2008 Souto-das-Dalas
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O PSOE, e neste caso Cendán parafraseando a Ceferino, tem todo o direito a construir a sua épica partidaria, mas non parecem atinados esses cimentos.

Aliás as discrepâcias sobre o alcalce dos "mínimos" que aportou o PSOE, eu gosto ler ao Cendán, e ver que no PSOE há gente que fala com normalidade da "realidade nacional" (ainda que seja un eufemismo) e da normalizaçom do galego (resenha do livro do Sarille).

AGIL #14 14/Maio/2008 AGIL
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Caro, o livro do Sarille fica bastante coxo. Também olha para o lado que olha e deixa de lado o que deixa de lado... É um feixe de impressões, com bstantes dados, mas (acho) pouco construtivo e sim bastante destrutivo.
Porém, as colaborações do Cendán são excessivamente "construtivas" e pouco críticas. As que vou lendo...

ecoe #15 14/Maio/2008 ecoe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Excesivamente acrítico. Se GZ non tivo outro papel, foi precisamente debido ó Réxime da Transición, que dou protagonismo -vía CHEQUEIRA-, ós grupos paracapitalistas.

Non hai que esquecer que nos movimentos sociais da época non estaban nin o PRISOE, nin ningún partido neofranquista, CDS/PP.

O conto transcorreu de un outro xeito, mas quéreno focar, intencionalmente, no parlamento €$pañol, tan ilexítimo como o de hoxe.

Souto-das-Dalas #16 14/Maio/2008 Souto-das-Dalas
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pode ser, con efeito, mas nom é o habitual do PSOE, de quando en vez tamém gosto do canto das sereias, ainda a realide ser muito diferente.

Saude e patria António.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Cendán

Ferrolán nado en Narón en 1967. Milita no PSOE galego desde 1991 e participou na fundación da revista "Razón Socialista" (1995), da Asociación Fuco Buxán (1999) e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (2001). Máis na súa Bitácora do Nordés.





Locais:
GZ-Sete