Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Raposo, arcea......

Campionatos cinexéticos, tamén de aves protexidas

A Federación Galega de Caza organizou “campionatos” cinexéticos de aves protexidas co visto bo de Medio Ambiente.

ADEGA - 18:04 09/01/2009
Tags:

A Federación Galega de Caza, atendendo á súa coñecida sensibilidade ambiental, organizou en decembro pasado varios “campionatos” de caza de arcea (Scolopax rusticola) unha especie considerada como “vulnerábel” en Galiza e incluida no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA).

O máis grave e que estes “eventos” contaron coa autorización de Medio Ambiente, xa que malia a que esta ave está protexida en Galiza, figura como cazábel na orde de vedas. ADEGA ten solicitado repetidamente á administración a veda da arcea ante o declive desta especie en Europa, sen éxito.

Resulta que no CGEA a arcea goza de protección, mais unicamente a poboación nidificante. ADEGA ten sinalado que, dado actual estatus poboacional, é practicamente imposíbel distinguir os exemplares nidificantes (sedentarios) dos migradores. De feito, a poboación aniñante de arcea localízase nas montañas do noreste de Lugo (sobre todo nos Ancares por riba dos 1000-1200 m) e o único xeito de distinguir unha arcea sedentaria dunha migratoria é que os exemplares estén anelados e que se saiba identificar o anel. Nestas circunstancias, que cazador vai poder distinguir se unha pequena ave está aniñando ou só de paso antes de meterlle un escopetazo?

O preocupante estado da arcea en Europa, cuxas poboacións están en grave regresión segundo amosan diversos estudos, fica refrendado polos “pobres” resultados dos “campionatos” celebrados en Galiza en novembro e decembro pasados. No campionato galego, na Fonsagrada (por certo, un dos redutos da poboación nidificante protexida) matáronse 3 exemplares; no de Ourense, un, e nos de Pontevedra e Lugo ningún. Somos coñecedores da “sensibilidade ambiental” que amosa a Federación Galega de Caza coa organización destes “campionatos” (raposos, pombiños...) nos que matar por matar é o único obxectivo. Mais o que resulta intolerábel e a complicidade das consellarías de Medio Ambiente e Cultura con estas prácticas que a administración, inexplicábelmente, segue considerando un deporte.

ADEGA ten reclamado en múltiples ocasións nos Comités de Caza aos responsábeis de Conservación da Natureza que, en vez de asistir pasivamente á extinción da arcea en Galiza, a especie debería vedarse até que a súa poboación se recupere. Sistemáticamente, as propostas dos dous representantes ecoloxistas nun comité formado por 20 cazadores e a administración, foron rexeitadas. Lamentábelmente, o peso político do “lobby” da escopeta leva á vergoñenta contradición de que a administración, que está obrigada a presentar Planos de Conservación e Recuperación para as especies ameazadas, acabe permitindo a súa caza.

De que nos vale entón unha consellaría que deixa que a conservación da nosa fauna protexida a realicen os escopeteiros a base de chumbo?


  • 5 / 5
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4
  • 5
5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: