Érase unha vez un lobiño bo a quen maltrataban todos os cordeiros. Había tamén un príncipe malo, unha bruxa fermosa e un pirata honrado. Todas estas cousas había unha vez, cando eu soñaba un mundo do revés. J.A. Goytisolo.
Hai uns días fun a un concerto de Paco Ibáñez. Unha das pezas que cantou foi “O lobiño bo”, texto que atopou dende a primeira vez que o lin un oquiño no meu corazón. E a partir deste lobiño bo, do príncipe malo, da bruxa fermosa e do pirata honrado, deume a min tamén por imaxinar un mundo do revés.
E así, soñando e soñando, empecei a imaxinar que no meu mundo do revés as meigas deixaran de representar o mal e o pecado, e xa foran feas, guapas ou case, se tivesen polo que sempre foron: mulleres sabias. Imaxinei tamén as mulleres, homes, nenas e nenos do país debatendo, enfadándose, amando, compartindo, relacionándose e negociando en galego na tenda, no centro de saúde, nos xogos, no traballo... sen que a ninguén se lle xuntaran as dúas cellas da preocupación polas colonias perdidas. Tamén vin no meu soño un Museo de Palabras Perdidas polo Desuso, no que as persoas miraban con incredulidade letreiros con expresións antigas como: “vas levar unhas hostias”, “ti que saberás”, “non vales para nada”, e unha sección especial dedicada a preceptos sociais obsoletos, na que se recollen prescricións para ben ser, por exemplo, un machote, unha muller “feminina”, unha filla ou fillo “modélico”...
E vin neste meu mundo que xa non había príncipes, porque todos se volveran republicanos de golpe, nin había princesas, porque o do príncipe azul pareceulles definitivamente unha “horterada” infumable, e decidiron amosar cara á opinión pública o que xa sabían dende había séculos: que non tragaban cun conto inventado por outros e no que elas nunca acreditaran.
Vistas as meigas, os príncipes e as princesas, quedábanme os piratas. Así que soñei coa clase política: falaban sen empregar tempos compostos e poñendo os pronomes no seu sitio (aprobaron o curso superior na EOI de galego) e, ademais, a política volvía ser unha actividade humana en beneficio da sociedade, a toma de decisións para conseguir os obxectivos do grupo. Ademais, neste mundo onírico coa cabeza nos pés, as cuestións da alma e do espírito ventilábaas cadaquén individualmente ou en grupo, pero sen petar na porta da veciña para dicirlle como tiña que gobernar a súa casa. E toda esta piratería era un elemento máis do mundo ao revés, pero non o único e o que sometía ao resto pola forza.
A verdade, se ben se pensa, moito dá de si Goytisolo. Probade vós, xa veredes que festa!