Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
UTOPÍA

CARTA A BARACK OBAMA

Querido Barack Obama:

Non son máis que un pobre franciscano perdido entre espiños e penas que ás veces florecen. Pero a inmensa onda de simpatía planetaria que vostede espertou arrástrame tamén a min e permítome escribirlle. Saiba que tamén os paporroibos de Arantzazu lle cantan marabillosamente, como só cantan cando o outono é máis fermoso. Barack Obama, gústanos o seu nome. Obama é un nome redondo, énchenos a boca e a alma. Sóanos a queixa e canto da África ancestral, e neles recoñecemos as nosas orixes humanas. E Barack é un nome árabe que significa "bendito" ou "bendición" ou "sorte". Barack Obama: que fermoso é o seu nome!

José Arregi - 19:53 05/12/2008
Tags:

E que fermosa é a súa pel! Di o Talmud xudeu que o Bendito, ao crear o ser humano -que aínda segue creando, a pura forza de modelar e acariñar o noso barro- mesturou as arxilas de todas as terras (que aínda non eran "países"), para que os humanos se sentisen na casa alí onde estiveran. Logo sabemos como cambiaron as cousas coas fronteiras. Quen ergueu as fronteiras? A súa fermosa pel trastórnaas e desménteas; a súa pel é testemuña das moitas terras das que é fillo: da Kenia do seu pai negro, da Norteamérica da súa nai branca, do Hawai do seu nacemento, da Indonesia da súa crianza. A súa pel non é bronceada, é negra e é ao tempo de todas as cores da terra. Como nos gusta a cor da súa pel!   
Sr. Obama, tamén nos gusta a súa palabra. Sentimos que nos seus beizos recupera a palabra a súa verdade orixinaria, faise fiable, vólvese creadora. Nace de dentro e chéganos ata dentro, aínda que saibamos pouco inglés. Cando vostede nos di que é preciso crear outro mundo, nós crémolo, e parécenos estar escoitando ao Misterioso Creador en permanente acto de inventar e pronunciar o mundo como bendición e morada. Outro mundo, señor presidente, pois este mundo está malogrado, ou moi “malcreado”.   
Sr. Barack Obama. A humanidade enteira está profundamente necesitada de autoestima e confianza, e vostede devolveulla. Só por iso, xa o queremos. Pero déixenos dicirlle que a nosa confianza é moi fráxil e necesita ser sostida cada día, palabra a palabra, xesto a xesto, decreto a decreto. Non nos defraude, por favor! Non permita que teñan razón quen o tacha de "conservador populista ou populista conservador" (J. Petras). E permítanos dicirlle algunhas cousas que na súa fermosa talla humana non nos gustan tanto e nos causan inquedanza. Por exemplo, dóenos e preocúpanos que vostede siga defendendo a pena de morte. Non lle parece que xa hai no mundo demasiada condena a morte? Non lle parece que se dividimos a humanidade entre xustos e culpables, e condenamos os culpables, todos acabaremos condenados e mortos?



Tamén nos preocupan as súas declaracións sobre o dereito de EEUU a intervir unilateralmente no mundo para defender os seus intereses. Non lle parece que a súa historia e a súa pel debuxan outro mundo e aconsellan outra política? Necesitabamos reconciliarnos con ese gran pobo feito de moitas arxilas que son os Estados Unidos de América, e vostede reconciliounos, e sentímonos mellor. Non nos defraude, por favor, non permita que volva reinar o pesadelo do poder duns esmagando a outros, o pesadelo do terror en espiral. O seu pobo é o noso pobo. Todos os pobos son o seu pobo.   
Por iso, ousamos tamén pedirlle que, de agora en adiante, non termine os seus fermosos discursos dicindo "Deus bendiga a América", para non ferir a Deus e non humillar os outros pobos. Siga invocando a bendición, siga invocando ao Bendito, pero non para uns contra outros, pois iso é a maior contradición coa bendición e o Bendito. Suxerímoslle que conclúa os seus belos discursos dicindo: "Deus nos bendiga, Deus nos bendí. Todos os pobos son pobos benditos de Deus. Que a bendición chegue a todos. Que nós bendigamos a todos os pobos, e a todas as baleas e a todos os viventes, para que Deus sexa bendición universal, pois non pode haber outro Deus, nin outra América, nin outro planeta de Deus".   
E non esqueza que os tres millóns de habitantes da súa cidade, Chicago, consomen tanto como os noventa e sete millóns de Bangladesh. Non pode haber bendición para uns se non a hai para outros. Iso acontecía nas vellas historias do Antigo Testamento, pero hoxe non pode acontecer. Ou hai bendición para todos ou non a hai para ninguén. E como faremos para que a vida sexa bendición para todos?   
Querido Sr. Obama, sexa Barack para toda a terra. Necesitámolo. Xuntos, si, podemos! Yes, we can. Desexámoslle paz e ben.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: