Todo os outonos Intermón-Oxfam ofrécenos as “Visitas do Sur”. No Comité de Galicia-León-Asturias, coma noutras zonas, levamos máis de 10 anos acollendo a persoas de diferentes lugares que veñen dar razón dos proxectos que levan adiante (Perú, Ecuador, Guatemala, Nicaragua, Bolivia, Dominicana, Angola, Mozambique, Chad…Comedores Populares, Agricultores, refuxiados, indíxenas, educación, participación…). Durante alguns días do mes de novembro tivemos ocasión de compartir as experiencias da organización chilena Nguallen Pelu Mapu (Protectores da Terra) a través de Gonzalo Garcés.
Gonzalo Garcés: 28 anos; está rematando a carreira de Antropoloxía Sociocultural. Participa activamente nas actividades que realiza Nguallen Pelu Mapu na rexión da Araucanía, nas comunidades de “Los Sauces”.
Por que viñeches a Galicia?
Fun invitado por Intermón-Oxfam, para dar a coñecer o traballo medioambiental que realizamos fomentando a participación no coidado consciente do noso contorno.
Por que fuches elixido?
Fun elixido xunto a outras dez persoas doutros tantos países, todos mozos implicados no medio natural e todos participantes dun encontro que tivo lugar en Sidney, Australia, en Outubro do 2007 a onde acudimos mozos de 100 países convocados por Oxfam Internacional.
Cando e por que naceu a vosa organización?
Foi no ano 2006. Levabamos tempo observando os efectos prexudiciais das actividades económicas sobre o noso contorno: deforestacións, contaminacións de augas e de animais, abandono de saberes tradicionais, prolongadas secas... Moitas persoas tiveron que emigrar das zonas rurais. Un grupo de xente de Los Sauces sentimos a inquedanza de que había que facer algo. Mozos, estudantes, profesores, amas de casa, labregos e indíxenas mapuche, xuntámonos, falamos e pensamos en buscar solucións para os problemas ambientais que nos afectaban.
Que actividades económicas hai nesta zona de Chile?
Existen grandes plantacións forestais e a recolección da Mosqueta, planta que se utiliza para cosméticos. Os indíxenas viven tamén da recolección doutros froitos e da pequena gandería e pesca. Traballos ligados á natureza.
Que actividades realizades e que pretendedes?
Un exemplo pode ser o proxecto “Auga e saberes. Diálogos para a Vida”. Lévase a cabo conxuntamente entre unha comunidade indíxena mapuche e unha organización de profesionais forestais. Consiste en reforestar con árbores autóctonas e plantas medicinais combinando os saberes ancestrais da cultura mapuche e os coñecementos técnicos actuais. Créanse viveiros para estender a iniciativa a outros lugares. Realízanse charlas e obradoiros sobre medicina mapuche, reforestación, praguicidas, lexislación... Remataremos coa edición dun manual de saberes mapuche e un seminario sobre as temáticas abordadas no Proxecto coa participación doutras organizacións sociais, empresariais e gobernamentais. Temos cofinanciamento dun Fondo Estatal.
Outro tipo de actividades son de carácter educativo e de sensibilización. Pretendemos difundir e crear conciencia sobre os problemas medioambientais, as súas causas e consecuencias e a procura de alternativas. Facemos obradoiros de reciclaxe nas escolas e tamén de compostaxe e de manexo de viveiros de plantas autóctonas. Realizamos campañas de difusión con charlas, radio, valos publicitarios, sobre aspectos concretos como por exemplo o abuso de pesticidas. Tamén promovemos actividades culturais e de recuperación da cultura e lingua dos mapuche.
Cal é a idea fundamental que move o traballo de Nguallen Pelu Mapu?
Pensamos que non podemos esquecer a nosa ligazón coa terra. Ela dános os alimentos e materiais para cubrirmos as nosas necesidades. Pero estamos abusando dela, maltratándoa. Temos que escoitar as súas queixas e coidar a relación con ela. Hai que recuperar o contacto máis directo, acariñala, cantar coa súa música, camiñar e traballar para gozar xuntos, complementariamente.
Como podemos coñecer algo máis da vosa experiencia?
Visitando a nosa páxina www.nguallen.cl ou visitándonos na novena rexión, Araucanía, Los Sauces, en Chile.
Moitas grazas por estes días de convivencia e intercambio.