"Quero pedirvos a vosa confianza e o voso apoio como aspirante á candidatura do PSdeG-PSOE á Xunta de Galicia". Con esta fórmula Emilio Pérez Touriño facía explícita a súa candidatura, un proceso rutineiro que comezou formalmente no pasado Comité Federal celebrado o sábado 22 de novembro en Madrid.
O presidente da Xunta falou das eleccións de marzo, que cualificou de "decisivas para Galicia". Para Touriño en marzo haberá que elixir "entre avanzar ou retroceder, entre a convicción ou o desalento, entre a reforma ou a contrarreforma, e non queda outro camiño que mobilizarnos e tratar de convencer a todos os cidadáns".
Crise económica
Con respecto á crise económica, o líder dos socialistas galegos afirmou que "vivimos unha situación extraordinariamente complicada, vivimos unha etapa complexa no mundo, unha crise que arrancou como unha grande crise financeira e que non ten precedentes. É primeira gran crise global, que se ten presentado con grande intensidade. Por iso é comprensible que haxa incerteza, pero xuntos imos a superalo".Touriño reiterou que "temos que anticipar a saída da crise e facelo desde unha política socialdemócrata. O Goberno que eu presido mobilizou e mobilizará todos os recursos posibles nese sentido. Os socialistas defendemos o imprescindible elemento regulador e redistribuidor que é o Estado". O Presidente da Xunta nomeou tamén a solidariedade como "imperativo de xustiza. É necesario consolidar a protección social, protexer os máis débiles, os que teñen menos recursos. Outros, pola contra, falan de recortes, de maior flexibilidade laboral, falan de diminuír o papel do Estado".O titular do Executivo galego situou o emprego como a prioridade absoluta e o principal obxectivo deste goberno. "cada emprego que se perde, cada persoa que non pode acceder ao mercado de traballo representa a fracción dun fracaso colectivo. O principal termómetro da idoneidade das nosas políticas será precisamente o barómetro do emprego".