Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Colaboración ante a crise"

Touriño pide por Irisarri e Orozco fronte ao PP

Solicita a reciprocidade dos populares ao fío do compromiso estatal do PSOE de facilitar a aprobación dos orzamentos onde non goberne. O PP xa lles ofreceu apoio fácil para Ferrol.

Redacción - 20:35 08/11/2008

O Consello Territorial do PSOE, que hai un par de semanas reuniuse precisamente en Vigo, decidiu que os socialistas faciliten a aprobación dos orzamentos aló en todas as administracións onde estean representados e non teñan tarefas de goberno. Unha concesión que din facer en favor da necesidade de "responsabilidade" e estabilidade en tempos de crise.

A cuestión tróuxoa a primeiro plano este sábado o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, quen afirmou que o PSdeG asome en Galiza esa decisión de "facilitar a aprobación de orzamentos", aló onde non goberne, pulando sempre porque sexan contas "austeras, rigorosas e solidarias". Así o incluíron entre as resolucións do Consello Territorial galego do partido celebrado nesta xornada. Ao respecto, o presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG aproveitou para demandar do PP a aplicación dun proceder similar. Pérez Touriño pediu reciprocidade do PP neste sentido e instou o partido liderado por Alberto Núñez Feijoo a "unha actitude positiva nesta mesma dirección" e "non de obstrución".

Obxectivos prioritarios: Lugo e Ferrol
Á luz da actualidade, a apelación de Touriño á "responsabilidade" e "actitude colaboradora" para facilitar a aprobación de orzamentos municipais, ten dous obxectivos claros. Dunha banda o Concello de Lugo, onde o PP xa apoiara o ano pasado as contas do alcalde Orozco e nesta ocasión negoulle o aval, abocando o rexedor á presentación dunha moción de confianza.

E por outra parte está o caso de Ferrol, onde o mandatario socialista, Vicente Irisarri, vén de conformar un goberno en minoría despois da ruptura con Esquerda Unida. Neste caso, o PP local acaba de estenderlle un convite aos socialistas para apoiar as contas do municipio. O voceiro do PP ferrolán, Xosé Manuel Rey Varela, falou de tres condicións: conxelación de taxas, redución de gastos superfluos do gabinete e negociación de máis investimentos en política social. "O PP ten toda a vontade de sentar a negociar e chegar a un acordo", confirmou Rey Varela á saída da xuntanza onde o PSOE lles expuxo o proxecto de orzamentos aos grupos da oposición.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: