Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
EDUCACIÓN

Brasil estuda ampliar o ensino obrigatorio até os 17 anos

Cuns datos do 7,5% de analfabetismo, o goberno brasileiro propón un cambio no deseño dos estudos que botaría a andar no vindeiro 2009.

Redacción - 13:00 02/11/2008

Até o de agora no Brasil só é obrigatorio o ensino fundamental, que comprende a nenos e mozos dende os seis até os 14 anos. Porén, segundo o Ministerio de Educación, unha quinta parte dos estudantes que completan este período non continúan coa súa formación no ensino medio. A estes datos súmanse outros non menos decepcionantes: segundo os Indicadores Sociais do Instituto Brasileiro de Xeografía e Estatística, a escola non conseguiu alfabetizar a 2,1 millóns de alumnos de sete a 14 anos, o que depara datos globais do 7,5% de analfabetos no país.

A proposta do ministro, Fernando Haddad, é a ampliación do tempo de estudos: será obrigatoria a chamada "pre-escola" e o ensino medio. Así, os nenos estarán matriculados a partir dos catro anos e permanecerán escolarizados até os 17. Para mudar a actual lexislación será necesario presentar no Congreso Nacional unha Proposta de Emenda Constitucional (PEC), se ben antes o proxecto será estudado no Consello Nacional de Secretarios de Educación (Consed) e a Unión Nacional de Dirixentes Municipais de Educación (Undime).

O que máis preocupa aos dirixentes brasileiros é determinar unhas regras para arbitrar unha transición do actual modelo ao futuro. Neste sentido, consideran prioritario falar cos estados e cos concellos para comprobar a capacidade que teñen para recibir este incremento de alumnado. Haddad adianta que a PEC podería ser aprobada en 2009, mais estima que o período de transición podería prolongarse por cinco ou seis anos.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: