Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
O Trasno

Fantasmas locais

Esquerda Unida, que agora se cabrea co alcalde de Ferrol porque este cobra moito, concretamente 73.000 euros ao ano, cousa que non lle parecía tan mal hai un pouco, acaba de poñer outra vez sobre a mesa a cuestión dos soldos dos altos cargos e, sobre todo, dos altos cargos dos concellos.

Daniel López Muñoz - 19:20 24/10/2008
Tags:

Quérolle ben a Ferrol, que criou a meu pai e enterrou a meu avó, cidade forte e cantareira, cidade curriña…curriña, pero non tanto, que diría Gardfield. Isto é, que por máis que teña os seus méritos, e os seus habitantes, e os seus estaleiros, non dou entendido que o seu alcalde teña que cobrar máis cá conselleira de planificación territorial, có de medio rural ou cá de sanidade, que eses si que son marróns. Por máis que mo expliquen. Simplemente un dato: o orzamento de gastos da consellería de sanidade son 3.500 millóns de Euros, o do concello de Ferrol ten un orzamento de 45 millóns. E quen di Ferrol, di Ourense, que cobra igual.

Ou, falando dos grandes –pero non tanto, menos lobos- o de Coruña xa hai tempo que, en retribucións da alcaldía, anda por riba do presidente da Xunta e, por moito coruñesismo que un se inxecte en vea, por moito lalalá que lle botes, custa tragar tanto farol a conta do contribuínte.

Hai cousas que, efectivamene, noi encaixan nisto das retribucións e do uso da “autonomía municipal” para auto-asignarse o soldo. E de pouco vale dicir que os concelleiros ganan o que gana o funcionario mellor retribuído: pois peor mo pos, que o dispendio daquela se esparrama organigrama abaixo.

Despois van á porta dos xornais, dos parlamentos e dos conselleiros, petando porque os concellos están na bancarrota. E no fondo está esa dinámica perversa da administración fantoche: montar moitos servizos –de dubidosa eficiencia social- e outro tanto fogueteo e churrascada popular, pero evitar trasladar os custes aos cidadáns, vía impostos, que ata hai ben pouco andabamos todos na bebedela esa liberal das vacas gordas e de pelexar por ver quen cobra menos tributos.

Pero a maxia non existe. Dar servizos e ampliar dereitos non é gratis. E os impostos son para redistribuír e facer xustiza. Pero facer xustiza á xente, non á túa conta corrente.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: