Escribimos isto cando o xuízo quedou visto para sentenza. Falamos do xuízo dos mozos acusados de acosar e queimar viva a María Rosario Endrinal, unha indixente que durmía nun caixeiro en Barcelona.
Algo chama a atención en todo o proceso: a ausencia de algo parecido a un real, nítido “acto de contrición” no sentido máis clásico do termo. Diante dun feito tan abominable parece moi pouco “sentido” e nada proporcionado á ignominia e a gravidade dos feitos, dicir, simplemente, que se pide perdón polo acontecido, porque só se quería molestar á muller e, digamos, experimentar co seu sufrimento, pero “non matala”.
Porque, por moito que para a Xustiza non sexa indiferente o desenlace dos feitos, hai algo máis profundo e grave có resultado mesmo e é a actitude de crueldade, a posición de predominio, o sentimento (chamémoslle fascista, por analoxía) de quen se pensa capaz e lexitimado para dispoñer da vida e da dor dos débiles, dos derrotados, dos que simplemente sobreviven sen teito e sen futuro.
Ese cancro é o que habería que tratar entre todos, tamén polos tribunais. E se a agravante non existe, deberiamos incluíla no código penal: o recrearse na dor inflixido aos desvalidos. Ou en expresión afortunada da fiscal: “o desprezo a quen non é tan afortunado coma un”.
Feitos coma ese son unha alarma. Hai entre nosoutros persoas novas, máis ou menos satisfeitas e aburridas, nas que ninguén, persoa ou institución, foi quen de sementar a humanidade, o gozo da solidaridade, o respecto sagrado pola dor dos pobres ou ese elemental e esquecido “quererse ben uns aos outros, comezando polos febles”.
Discutindo de galgos e podengos, os cristiáns confesionais nostálxicos e os ateos de dogmática militancia, libran unha batalla aburrida. O futuro xógase, máis ben, neses corazóns a monte, neses humanos mutantes vacinados contra a compaixón. Por certo, serían de “relixión” ou de “alternativa”?