Formada por seis nodos, emprega fotóns para crear claves imposíbeis de romper, segundo a teoría cuántica.
Unha rede de computadores situada en Viena aspira a garantir a total seguridade e segredo dos datos mediante a cifraxe cuántica. Este sistema, diferente a todo os que se empregaban até agora, usa seis nodos conectados mediante 200 quilómetros de fibra óptica.
O novo sistema, en vez de usar complexas operacións matemáticas, baséase nas leis da teoría cuántica. A idea deste tipo de criptografía foi imaxinada hai un cuarto de século polos investigadores Charles Bennett e Gilles Brassard, que estivon en Viena para ver o funcionamento da rede.
Segundo lle explicou Brassard á BBC, "todos os esquemas de seguridade cuántica están baseados no Principio de Incerteza de Heisenberg, no feito de que non se pode medir a información cuántica sen perturbala".
A rede vienesa usa finísimos raios de electróns que circulan entre os seus nodos para transmitir a información. Nos nodos, situados en cadansúa oficina de Siemens, atópanse pequenas torres de computadores e un feixe de detectores de luz. A partir dos fotóns detectados créase unha chave numérica, que cifra os datos dos usuarios como acontece nas redes actuais. A diferenza é que ninguén máis pode saber a chave sen se dar a coñecer. Cando un intruso tenta acceder ao intercambio de información, a conexión rómpese sen que se cheguen a comprometer os datos confidenciais.
A rede forma parte do proxecto SECOQC, patrocinado pola Unión Europea.