O secretario de Organización do Bloque, Alberte Ansede, salienta que o 41% dos 1.500 delegados que acudirán o domingo a Compostela son mulleres.
“Un proxecto transformador, un presidente para a nación”. Este é o lema da Asemblea Nacional Extraordinaria do Bloque que este domingo reelixirá a Anxo Quintana como candidato á presidencia da Xunta. Dende a organización preparan unha asemblea que sirva para reforzar a figura do seu líder e á vez analizar os máis de tres anos da chegada do nacionalismo a San Caetano. O secretario de Organización do BNG, Alberte Ansede, subliñou que o feito de que só haxa unha candidatura demostra que Quintana é o líder “indiscutíbel” da formación frontista,
O 41% dos 1.500 delegados que acudirán á Asemblea Nacional do domingo son mulleres. Segundo Ansede, a cita do domingo contará coa “maior participación e implicación” da historia do BNG. O dirixente nacionalista non quixo avaliar o posicionamento dos sectores críticos.
Dende o Bloque reiteraron a idea de que só o Bloque pode converterse nunha alternativa ao bipartidismo e que é a única formación “non subalterna” que pode defender Galiza “sen pedirlle permiso a Madrid”. Ansede explicou que os comicios do vindeiro ano van ser cruciais para o nacionalismo e advertiu que “¡imos a por todas!”.