Unha das bandas máis recoñecidas da chamada 'música piqueteira' pecha en Compostela a súa xira por Galiza, combinando concertos e charlas informativas.
Las Manos de Filippi, un dos grupos máis recoñecidos da 'música piqueteira' na Arxentina, chegou a Galiza esta semana para presentar o seu novo traballo. Este venres ofrecerán un concerto na Gentalha do Pichel, a partir das nove e media da noite. Antes, ás 20 da tarde, terá lugar unha charla sobre as fábricas autoxestionadas e contra a privatización da cultura. O encontro desta noite en Compostela completa unha semana na que o grupo arxentino ofreceu un concerto na Casa das Atochas, o martes 23 de setembro para a CIG-Servizos, e unha conferencia na Cova dos Ratos o xoves 25 de setembro.
Como comeza e nace Las Manos de Filippi?
Arrancamos no ano 1992, en Bos Aires, no circuíto que existía naquela época, que era un circuíto under, e desde que comezamos até hoxe todo foi tocar. En todo este período que vai, que xa son 16 anos, a banda sempre foi medrando xunto con todos nós. Fixemos un proceso de cambio e crecemento coa banda, porque hoxe somos todos persoas máis adultas con fillos, e a música que facemos aínda nos representa como cando faciamos cousas máis xuvenís. Nese sentido, tratamos que nos acompañe o que facemos co noso proceso de crecemento, e iso é o que mantén á banda activa, e con vontade de continuar a medrar.
Que relación estabelecedes co movemento 'piqueteiro arxentino'?
A relación fíxose máis profunda a partir do 2001, que aí foi onde xurdiron as asembleas e o movemento piqueteiro, que saíu ás rúas até que se expulsou ao presidente dese momento, que era De la Rúa. Nós mesmo antes dese ano tiñamos vencellos cos grupos piqueteiros, pero era todo moi illado. A partir do 2002-2003, creamos o movemento M.U.R. (Músicos Unidos polo Rock), despois dun accidente que houbo nun concerto, no que morreron case 200 persoas, en Cromañón. A partir de ter esa organización, a relación co movemento piqueteiro foi de organización a organización, e o contacto foi máis profundo e politizado. Non era só que as bandas fosen apoiar o movemento piqueteiro, senón que había un apoio mutuo porque nós loitabamos por reivindicar todo o que ten que ver coa cultura, coa non privatización, exixir ao Estado espazo para tocar e todo para desenvolver unha banda, e nomeadamente para a xente máis nova que comeza. E aí está a nosa relación co movemento piqueteiro, con empresas recuperadas como Zanón, e ven todo por ese lado.
Cando se fala de cultura libre na Arxentina de que reivindicacións estades a falar? Está o copyleft incluído dentro desas demandas?
O do copyleft non está en discusión na Arxentina, é algo que me comentaron por aquí estes dias, porque en realidade o que os músicos padecen alá, e que os músicos que non están baixo unha empresa ou contratados, os 'independentes' non teñen lugar onde tocar, ensaiar. Non teñen lugar onde difundir a súa música, ningunha radio lles da difusión, porque están todas manexadas polas compañías. As demandas van máis por ese lado, pola liberdade de traballar e de tocar, e de crear música.
Despois está o outro tema, o dos músicos que si que están contratados, onde a maioría diso que recada o copyright vai para as compañías, e isto mesmo lle acontece aos músicos independentes como nós. Fixemos o tema Sr. Cobranza, que o tomou Universal coa Bersuit e fixeron fortuna, e nós case polo feito de sermos independentes non temos ningunha posibilidade de pelexar polos nosos cartos como creadores deste tema. É a marxinación de todo o independente o que alí se impón, e o peor é que son poucas as bandas que teñen as compañías, son cinco, e hai millóns de bandas que saen até por debaixo do chan, e non teñen posibilidades de tocar.
A que situación nese contexto teñen que facer fronte as bandas?
Agora está moi instalada e é moi forte a privatización e a clausura dos lugares under, e todo o circuíto ese under que existía, que non era que o xerara o Estado, senón que era un circuíto que fora creado polos mesmos músicos e clausurouse todo. A situación para as bandas adultas como nós é que tes que saír fora tocar, porque senón tes que disolver a banda porque non hai posibilidade de transformar iso nun traballo.
Nesta xira estades a presentar o disco Los métodos piqueteros, que aporta este novo traballo a vosa discografía?
Isto foi un disco que decidimos gravar para esta xira, e que ten versións novas, porque a banda hai dous anos mudou de guitarrista e reordenouse o son doutro xeito. Soamos máis modernos, e tiñamos moitos temas vellos, e queriamos ter un disco coas versións como soan agora, e aproveitamos e fixemos este disco. O ano pasado tamén gravamos un disco, titulado Control Obrero, que son temas novos, e viñemos con estes dous discos.
Cal está a ser a vosa experiencia nesta xira, como avaliades a viaxe polo que vai até o de agora?
O contacto cos centros sociais galegos foi interesante, e temos moito interese en coñecer cal é a situación da cultura e a súa difusión aquí, porque sabemos que a cuestión da privatización da cultura non é só unha cousa da Arxentina, senón tamén unha cuestión internacional. Será doutro xeito, pero aquí tamén existe seguro.