O detonante aconteceu o pasado sábado, cando se cortou a emisión do enfrontamento dos celestes co Nástic para ofrecer un partido do Barcelona.
Horas baixas na relación entre o Celta e a televisión pública
Os problemas entre o Celta de Vigo e a TVG non son novos, xa que segundo Antonio Chaves, director xeral do clube, o ente de televisión ten unha débeda cos celestes que supera os 800.000 euros. Reprodúcese unha situación que xa viviu o Deportivo da Coruña, ante a que Chaves opta por "crer na lóxica e no raciocinio" sen descartar emprender accións legais "se non queda máis saída". O director xeral aconsella á televisión pública galega "considerar as actuacións que está a aplicar, xa que se trata de dous clubes de grande peso en Galiza, capaces de mover unha grande masa social".
Polémico corte de emisión
O último episodio desta tensa relación deuse o pasado sábado, cando a TVG parou a emisión do partido entre Celta e Ximnástica de Tarragona no minuto 64 para ofrecer o que disputaron Barcelona e Rácing de Santander. Chaves recoñece o malestar do clube por unha decisión que afectou "á propia entidade, aos nosos patrocinadores e, principalmente aos afeccionados".
A ollos do director xeral resulta irónico o feito de que coloquen o partido a esa hora "coa intención de favorecer a aqueles que posúen os nosos dereitos audiovisuais e despois se corte a emisión".
O Celta recoñece que se trata dunha decisión empresarial que non quere valorar, e o único que espera é que "recapaciten e recoñezan o seu erro", tal e como expresa na protesta formal remitida á dirección da TVG.