Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
INVESTIRÁ 13 MILLÓNS DE EUROS ATÉ 2010

A CRTVG presenta un plan de mínimos para apoiar o sector audiovisual

O proxecto, que se publicará en outubro, responde ás demandas que as principais asociacións e empresas lle plantexaron a Touriño en maio.

Redacción - 18:30 17/09/2008

O 5 de maio o sector audiovisual galego, representado por asociacións empresariais como AEGA e EGANET, de produtoras (AGAPI), de guionistas (AGAG), de actores (AAAG), de técnicos (ATEGA), de directores (CREA), e de dobradores (APRADOGA), entregoulle ao presidente Touriño un decálogo de necesidades e demandas, no que entre outras cousas reclamaban unha política coordinada para o sector, e que a CRTVG cumprise a súa obriga de investir o 5% dos seus ingresos no apoio do audiovisual.

A CRTVG vén de publicar na súa web un documento de mínimos que constitúe a base do seu plano de apoio ao sector audiovisual. O documento estabelece que destinará entre 2008 e 2010 algo máis de trece millóns de euros a precompras (dereitos de emisión sobre a versión galega e dereitos de explotación comercial) ou encargos de produción de longametraxes, películas para televisión e documentais. A convocatoria será publicada ao longo do mes de outubro.

A convocatoria correspondente ao ano 2009 prevé un investimento de cinco millóns de euros, que se realizará conforme ás dispoñibilidades orzamentarias, coa que se pretende financiar no mencionado exercicio películas, documentais, así como desenvolvementos de proxectos de películas para televisión. Entre os criterios que se terán en conta para conceder este financiamento destaca a versión orixinal en galego, o equipo técnico e artístico galego, a rodaxe en Galicia e o plano de financiamento.

A cambio, a CRTVG obterá os dereitos de emisión por televisión e demais dereitos sobre a versión galega, para todo o mundo, en exclusiva e con facultade de cesión a terceiros, e tamén a integridade dos dereitos de explotación en castelán para América.


Ligazóns

2/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: