O presidente do goberno español recoñece abertamente que o panorama económico é “serio e preocupante”.
O presidente do goberno español anunciou este martes que vai acudir en auxilio das promotoras inmobiliarias. Segundo afirmou José Luís Rodríguez Zapatero no Congreso, o Instituto de Crédito Oficial (ICO) vai poñer en marcha unha liña de axudas de tres mil millóns de euros para que os promotores poidan ampliar os prazos dos seus empréstamos para a construción de vivenda a cambio de que poñan logo os pisos en alugueiro durante un tempo determinado. Zapatero non descartou ampliar as axudas.
O mandatario español admitiu que hai un escenario económico “serio e preocupante” que se agravou dende o pasado mes de xullo. Aínda así, Zapatero chegou a afirmar que se agarda unha caída da inflación e que esta peche o ano por debaixo do 4%.
O líder do PP, Mariano Rajoy, atacou duramente a un presidente ao que acusou de non presentar ningunha novidade e de non dotar de máis cartos os gobernos autonómicos. Rajoy dixo que era incongruente dicir que vai aumentar as políticas sociais cando se limita o financiamento de concellos e comunidades, que lembrou que son as que se ocupan de servizos básicos como a sanidade, a educación, os servizos sociais e a dependencia.