Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Afectados por Estafas Inmobiliarias

Protesta na Illa de Arousa a pé de "Villa PSOE"

O colectivo CAFINES organizou unha concentración diante da vivenda de verán do vicesecretario xeral do PSOE, Xosé Blanco, aproveitando para denunciar as irregularidades da urbanización onde se sitúa.

Redacción - 11:35 06/08/2008

A Confederación de Afectados por Estafas Inmobiliarias (Cafines) xa denunciara ante a Fiscalía a presunta construción ilegal que se leva a cabo na Illa de Arousa, apuntando directamente á vivenda que aló ten o vicesecretario xeral do PSOE, Xosé Blanco, na urbanización Cabo Deiro-O Furado. Un recanto popularmente coñecido como "villa PSOE", xa que outros significados membros deste partido terían mercado propiedades no mesmo lugar.

Desde Cafines sinalan que a urbanización "non se axusta a dereito" e indican que o propio inmoble do líder socialista está a menos de 100 metros da liña de mar, vulnerando a Lei de Costas. Tamén denuncian supostas vulneracións na altura da edificación entre outras deficiencias. O colectivo insiste, de momento sen éxito en coñecer o proxecto, a reforma, e o informe urbanístico e técnico.

Desde o Concello, o rexedor Xosé Vázquez (PSOE), escusa a situación asegurando que as licenzas foron concedidas antes de que fose obrigatoria a aplicación da nova normativa. Pero paradoxalmente, emitíronse ordes de derrubamento sobre construcións do contorno que están situadas a maior distancia que o inmoble denunciado.

Chamar a atención sobre os graves abusos inmobiliarios
Alén desta denuncia concreta, a protesta organizada polo colectivo este mércores na Illa de Arousa ten tamén a finalidade de sensibilizar a opinión pública sobre a gravidade dos manexos que no ámbito do negocio inmobiliario están zoupando sobre os consumidores.

A Confederación de Afectados por Estafas Inmobiliarias suma xa arredor de 5 mil asociados en todo o Estado. Entre as queixas máis destacadas está o caso das entidades privadas adicadas á unificación de créditos e débedas. "Embargan, subhastan e quedan cos inmobles a prezo de ganga", láiase Raimundo Piñeiro, voceiro do colectivo. Na súa opinión, a actividade destas empresas está no gume das "mafias organizadas". Unha opinión compartida desde a Asociación para a Defensa dos Usuarios de Bancos e Caixas (Adicae), que critica o limbo lexislativo que aproveitan estas entidades para actuar.


5/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: