Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Sen empurrón á reforma do voto emigrante

Xuntanza de Jorquera con Zapatero: optimismo aínda que débiles compromisos

Investimento en infraestruturas e gasto social, moi especialmente os recursos para a lei de Dependencia, decidirán se o BNG apoia os orzamentos xerais do Estado.

Redacción - 10:45 29/07/2008

"Para nós será un dato revelador que se active a comisión para facer un seguimento da alta velocidade a Galiza", explicou o voceiro do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, ao respecto da xuntanza co presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero. A activación desa comisión mixta Estado-Xunta para o seguimento das infraestruturas será decisiva para a actitude que asuma o Bloque fronte á próxima negociación dos orzamentos xerais do Estado para 2009. Jorquera dixo ser optimista ao respecto, malia sinalar que Zapatero non ofreceu un compromiso claro con este asunto aínda que se amosou "sensíbel" á demanda.

Tamén no ámbito orzamentario, o BNG aproveitou a reunión para expresar a preocupación polo impacto que as políticas públicas puidesen ter sobre os sectores máis desfavorecidos. Nesa liña, a posición dos nacionalistas na negociación irá a prol da máxima aposta por políticas sociais e moi especialmente pola inxección dos recursos necesarios para desenvolver a lei de Dependencia.

Doutra banda, Jorquera transmitiulle ao presidente do goberno español a urxencia da reforma para que o voto dos residentes ausentes se faga "en urna". Ao fío, Zapatero dixo que estudaría o tema "coa máxima seriedade" pero admitiu que o goberno español considera a reforma "moi complexa". Un aspecto no que o BNG quixo deixar clara a súa oposición, indicando que "non é unha reforma tecnicamente tan complexa", lembrando que moitos dos inmigrantes que viven no Estado español votan en embaixadas e consulados con esa garantía e insistindo na necesidade de que se acelere ese cambio.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: