Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SECTOR PESQUEIRO

A UE supedita as axudas ao desmantelamento e reestruturación da frota

Aprobáronse de xeito definitivo as axudas económicas de urxencia destinadas aos armadores para afrontar o encarecemento do gasóleo.

Redacción - 19:00 24/07/2008

O Consello de Ministros de Xustiza e Interior da Unión Europea vén de ratificar o acordo político ao que a pasada semana chegaran os responsables de pesca. En virtude deste pacto, destinarase un orzamento adicional de 600 millóns de euros para a axuda do sector pesqueiro.

A cambio de que?
O acordo, baseado nunha proposta da Comisión Europea, contempla tres eidos. O primeiro é o obxectivo de reducir a dependencia do petróleo. O segundo estipula que os gobernos deben impulsar a venta da pesca e diminuír a sobrecapacidade da frota. O terceiro habilita a recepción de subvencións a aqueles armadores que deixen de saír a faenar até por tres meses co fin de reestruturar o sector. Ademais, para a concesión das axudas é necesario marcarse un obxectivo de redución do 30% da capacidade de capturas do segmento de frota beneficiada.

Deste xeito, as medidas de emerxencia están supeditadas a que a frota se comprometa a plans de reestruturación. Malia todo, tamén se contempla a posibilidade de que se poidan acoller á axuda por parada temporal as embarcacións amarradas por plans de xestión, unha das peticións que facía o Estado español. Outra excepción é que no caso da esixida redución de capturas se terá en conta a "dependencia importante" da pesca dalgúns territorios.

As condicións non rematan aquí. A Unión Europea esixe a aqueles que se queiran beneficiar das súas axudas que o consumo do gasóleo sexa superior ao 30% dos gastos totais do barco. Neste punto, tamén se introduce unha excepción: no caso das embarcacións de menos de 12 metros de eslora, o gasto de gasóleo rebáixase ao 20% do custe total.

Outras axudas
Nestas medidas económicas "de urxencia" tamén se contempla a posibilidade de que se establezan plans de porto, é dicir, un grupo de buques poden asociarse para a súa retirada se independentemente non cumpren os requisitos. Asemade, inclúese a posibilidade de financiar medidas que contribúan á loita contra o cambio climático ou á maior eficiencia enerxética, como é o caso de cambios de motor ou equipamentos auxiliares.

Este "plan de apoio para a adaptación da frota" estará vixente ata xuño de 2009.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: