Un grupo de persoas contrarias á construción xúntanse a diario baixo dos postes, en silencio. Á súa acción chámanlle "contemplación non violenta".
Hai uns días que o colectivo Espai Obert de Mas Blanc, contrario á rede de Moi Alta Tensión (MAT), se reúne a diario debaixo dunha das torres da futura liña (no termo municipal de Sant Martí de Centelles, en Barcelona) para facer meditación.
A finalidade das xuntanzas é chamar a atención para conseguir parar o avance da MAT. A pasada cuarta feira achegáronse por alí os mossos d'esquadra para pedirlles que marchasen, mais, ao non facelo, os axentes tomaron os datos dos presentes.
Por unha nova cultura da enerxía
O colectivo fai unha concentración pola mañá e outra á tardiña, nun punto que se atopa a uns 100 metros de Mas Blanc, entre Centelles e Sant Feliu de Codines, e durante media hora permanecen en silencio, nunha acción á que chamaron "contemplación" e que consideran "disuasiva" para evitar que se constrúa a torre e así gañar tempo para "que se tome conciencia de que a MAT non é necesaria". Por outro lado, a agrupación tamén garda esperanzas de que se admitan as alegacións que presentaron ao proxecto cuxo proxecto, aseguran, ten erros na súa exposición legal.
Para o Espai Obert de Mas Blanc, a enerxía é "un tema clave das sociedades contemporáneas que non se pode deixar en mans dos intereses lucrativos de empresas privadas". Para eles o que fai falta é camiñar cara "unha nova cultura da enerxía", a través dunha "deliberación pública (entre a cidadanía e a administración) na que se fale dos vieiros a seguir cara un modelo enerxético sustentábel".