Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
37º Congreso do PSOE

A delegación do PSdeG consegue unha pequena mención ao voto emigrante

Tamén introducen unha emenda que recolle que "o castelán non está en perigo en ningunha autonomía".

Redacción - 09:00 07/07/2008

A delegación dos socialistas galegos que traballou nas comisións do 37 Congreso Federal do PSOE destacaba este domingo as emendas introducidas nalgún dos debates da xuntanza. Especialmente, a delegación do PsdeG afirmou ser a que "máis defendeu" o dereito de voto dos residentes no exterior. Así unha das emendas aprobadas foi na liña de "modernizar" e "mellorar" o voto dos emigrantes, "facilitando o exercicio do seu voto nas mesmas condicións" que no Estado español.

Por outro lado, en canto ao voto inmigrante, unha proposta galega foi aceptada polo relatorio sen discusión. Nela defendíase que "debe facilitarse o voto ás persoas extracomunitarias que teñen xa o seu permiso de residencia firme en España".

Nesta Comisión abordouse tamén o tema do aborto, onde os socialistas formularon a necesidade de revisar e actualizar a norma existente e apostaron por unha Lei de prazos onde "prime a vontade das mulleres". A voceira socialista no Senado, Carmela Silva, que foi relator neste tema, incidiu na necesidade de garantir a equidade territorial nesta prestación, a súa inclusión na rede sanitaria pública, e na seguridade xurídica e o respecto aos dereitos das mulleres e dos profesionais. As delgadas galegas propuxeron unha modificación dunha transacción solicitando que "se retire o grupo de expertos e se inicie a reforma da Lei".

Sobre a defensa das linguas, os representantes galegos postuláronse a favor de reforzar "a aposta polo multilingüismo, polo fortalecemento das dúas linguas nos territorios nos que convivan, certificando que o castelán non está en perigo en ningunha autonomía e defendendo a lingua como un instrumento de respecto e de unión, non como un motivo de separación".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: