Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
DECLARACIÓN NO XXXV CUME

Mercosul deplora Directiva de Retorno e pide a súa derrogación

Os xefes de Estado do Mercosul e estados asociados deploraron a Directiva de Retorno aprobada polo Parlamento Europeu e solicitaron á Unión Europea a súa revisión para garantir os dereitos humanos dos inmigrantes.

Xurxo Martínez Crespo - 14:49 02/07/2008

DECLARACIÓN

O Parlamento europeu aprobou o 18 de xuño o texto –sen modificacións- proposto pola Comisión de Representantes Permanentes (Coreper) da Unión Europea para a Directiva de Retorno as cales, non se compadecen co respecto á dignidade humana dos migrantes en situación migratoria irregular; non resultan congruentes co espírito do dereito humanitario nin co do dereito internacional dos dereitos humanos, aos que todos nos debemos como signatarios e garantes do sistema internacional dos dereitos humanos; ignoran os termos do diálogo sostido polos xefes de estado e de goberno de América Latina e o Caribe e os da Unión Europea, en ocasión da V Cume ALC – UE, celebrado en Lima, Perú; en particular, o compromiso asumido en relación "ao gozo e protección efectivos dos dereitos humanos para todos os migrantes", así como ao "desenvolvemento dun enfoque comprensivo da migración internacional", segundo consta en párrafo 27 da Declaración de Lima, subscrita o 16 de maio de 2008.

Diante da decisión adoptada, os xefes de estado do Mercosul e estados asociados,

DECLARAMOS:


1) Que deploramos a aprobación da Directiva de Retorno, por ser contraditoria da propia normativa europea sobre o dereito humanitario consagrado no Convenio Europeu de Dereitos Humanos e na Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea. A lexislación aprobada cuestiona ademais, o “interese superior do neno”, consagrado na Convención das Neacións Unidas dos Dereitos do Neno; dificulta o principio da reunificación familiar e avanza restritivamente sobre os dereitos e obrigas establecidos no protocolo sobre o estatuto dos refuxiados (1967).

2) Que a medida adotada constitúe unha contradición á histórica hospitalidade brindada polos nosos pobos -durante séculos- a millóns de inmigrantes procedentes de todo o mundo, a quen recibiu sen máis requisitos que a súa vontade de integrarse aos nosos países.

3) Que reivindicamos a achega positiva dos nosos migrantes connacionais en todos os países de destino na Unión Europea, tanto no plano social e cultural como no económico, segundo o constataron estudos científicos europeus na materia.

4) Que as políticas migratorias restritivas demostraron -nos feitos- a súa improdutividade e que, moi pola contra, xeran climas propicios para prácticas xenofobas, racistas ou discriminatorias, alentando as formas máis denigrantes da criminalidade transnacional organizada, como o tráfico ilícito de migrantes e a trata de persoas.

5) Que debe asumirse que as causas da emigración de nosos connacionais están na pobreza estrutural, na falta de oportunidades, na desigualdade e exclusión sociais que aínda mallan nos nosos países. Que as asimetrías económicas internacionais, os multimillonarios subsidios que distorsionan a competitividade; a falta de apertura dos mercados do mundo desenvolvido aos produtos dos países emerxentes e non desenvolvidos, retroalimentan as condicións económico-sociais que impulsan aos nosas nacionais a emigrar para o mundo desenvolvido.

6) Que en consecuencia, a forma de ordenar os fluxos migratorios é cooperar, no marco do principio de responsabilidade compartida, para xerar desenvolvemento económico-social nos países de orixe de migrantes; dar efectiva apertura dos mercados do mundo desenvolvido aos nosos produtos; eliminar os multimillonarios subsidios e as distorsións comerciais. O desenvolvemento local en orixe e a posibilidade de colocar os nosos produtos nos mercados de alto desenvolvemento xerarán fontes de traballo que arraigarán ás poboacións e estabilizarán efectivamente as migracións.

7) En virtude de canto antecede, inspirados no diálogo construtivo mantido e os acordos acadados en ocasión do V Cume ALC – UE, convidamos ás autoridades da Unión Europeia a modificar a lamentábel decisión adoptada pola Coreper e o Parlamento Europeu, de forma tal que, antes que os seus efectos entren en vigor, poidan subsanarse as graves deficiencias contidas nelas, co nobre fin de garantir o respecto á dignidade da persoa migrante, independentemente do seu estatus migratorio, de conformidade co dereito internacional dos dereitos humanos, o dereito internacional humanitario e a xurisprudencia internacional sobre a materia.

8) Até tanto iso poida alcanzarse, instruimos aos señores ministros e ministras de relacións exteriores dos nosos países, que adoten as medidas necesarias para que, os consulados e seccións consulares das embaixadas dos nosos estados atendan as consultas e inquietudes que sobre as Directivas de Retorno, puidese formular calquera das nacionais migrantes dun estado parte ou asociado, brindando protección e asistencia previstas pola Convención de Viena de relacións consulares e oferecendo o asesoramento axeitado que impida restricións ao exercicio dos seus dereitos humanos como persoa migrante, independentemente da condición migratoria que revista no país de destino.

Tucumán, 1º de xullo de 2008


4,2/5 (5 votos)