Ao igual que o anterior executivo, o bipartito segue a pensar que o Xacobeo é o mellor escaparate para atraer visitantes a Galiza.
“Este ano temos un certo optimismo moderado”, con este xogo de palabras describe o director xeral de Turismo, Rubén Lois, as previsións para este verán. Aínda que as autoridades insisten en subliñar que o número de visitantes vai ser practicamente o mesmo ca o ano anterior (a análise máis optimista fala dun crecemento de cinco puntos), Rubén Lois e o director da Confederación de Empresarios de Hostalaría, Xan Silva, admiten que se agarda unha media de gasto menor debido “á actual situación económica”.
Nin Lois nin Silva se atreveron a aventurar cifras de ocupación e só se limitaron a afirmar que agardan taxas “similares” ás de 2007. Porén, empresarios hostaleiros téñense queixado nos últimos días de que, polo momento, o número de reservas é menor ca en anos anteriores. A isto súmase que os datos publicados a semana pasada polo INE. Segundo este organismo, os hoteis galegos tiveron en maio unha ocupación media dun 35,5%, un dos peores datos a nivel estatal, só mellores que os de Asturias (34,6) e Melilla(33,6).
Poñerlle velas ao Xacobeo
Os responsábeis turísticos son máis optimistas de cara o 2010. O bipartito coincide cos gobernos Fraga en ver no Xacobeo o “maior produto turístico” do país. Rubén Lois mostrouse seguro de que o vindeiro “baterá todas as cifras”. Pola súa parte, a Confederación de Empresarios da Hostalaría pídelle que de cara ese evento se faga un intenso traballo de promoción xa que non haberá outro Xacobeo até 2021.