O PSOE vota en contra dunha moción do BNG, apoiada por todos os grupos, para crear unha comisión que vixíe o cumprimento dos prazos.
O nacionalista Francisco Jorquera defendeu a moción
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, lamentou que a "falla de cintura" impedise que esta cuarta feira se chegase a un acordo unánime no Congreso para solicitarlle ao goberno español a creación dunha comisión que vixíe o cumprimento dos prazos das grandes infraestruturas do país.
En concreto, trataríase dunha subcomisión dentro da bilateral Estado-Xunta, similar a que está estabelecida, por exemplo, entre o Estado e a Generalitat de Cataluña. No entanto, e malia os votos en contra dos deputados do PSOE, a moción presentada polo BNG saíu adiante cos votos favorábeis do resto de grupos parlamentarios.
Touriño desmarcouse do voto dos socialistas, e afirmou que "o acordo está en plena sintonía co defendido polo presidente da Xunta". Á saída do Consello de Goberno desta semana, o tamén secretario xeral do PSdeG lamentou que non se puidese chegar a unha "necesaria e oportuna unanimidade", e xustificou o acontecido sinalando que "ás veces, a dialéctica parlamentaria provoca estas situacións".
Prazos comprometidos
"Non quero máis equívocos", apuntou porén. "A postura do presidente da Xunta é clara", engadiu Touriño, que anunciou que o seu "compromiso" e mais o do presidente español e que Galiza e Madrid estean conectadas polo TAV "en 2012". Isto é: que se licite o tramo entre Lubián e Zamora "en 2008"; que se licite o de Ourense-Lubián "no primeiro semestre de 2009"; e que se inicien "inmediatamente" as obras para o paso pola mina de Serrabal.