Open Vieiros

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Editorial

Secundaria a distancia

Pódense dar moitos argumentos técnicos, pero todos caen diante da realidade. E a realidade é que unha nena de Labrada ou de Montouto con pouco máis de once anos deberá erguerse ás seis da mañá e cargar no lombo cunha hora de autobús, e se cadra algo máis de propina en tempos mortos, para chegar a un instituto arredado e inzado de mangallóns. Terá máis medios, máis “recursos pedagóxicos”, pero máis distancia e seguramente menos acollida que o que está próximo e resulta familiar e levadeiro.

Redacción - 20:21 20/06/2008

A reforma educativa foi feita desde Madrid pensando na Europa urbana e nas necesidades dunha sociedade industrial. Así se partillaron os ciclos e etapas chegando a ese escenario no que na ESO se xuntan desde rapaces e rapazas de once anos a mozos e mozas –repetidores, que non hai poucos- de dezaoito. Evidentemente esa reforma foi outro apretar as caravillas a unha Galicia rural acosada e resistente.

Dise, desde o poder estatal, que regular desde o centro asegura a igualdade, que poñer as normas, os plans educativos e os contidos idénticos “con independencia do territorio”, é a maneira de conseguir que “todos os españois” teñan iguais dereitos de acceso á educación. O que a realidade nos di é que a nena de Labrada (que con toda seguridade no é a nena de Rajoy), vai ter un ensino custa arriba, en condicións máis duras, e, por moito que a concentren, con menos medios.

A solución parche que se puxera ata agora –que os dous primeiros cursos da ESO se fixesen en centros máis próximos- queda agora suprimida pola Consellería de Educación. Faise en nome da racionalidade e da economía de recursos, pero os efectos son sabidos. Unha vez máis está aí o divorcio entre as políticas declarativas e os paternalistas discursos sobre a permanencia dun rural vivo e as medidas prácticas, unha tras outra, que fan que vivir no rural sexa misión imposible.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: