Ás portas das eleccións, Galiza ten unha oportunidade para ampliar o número de parlamentarias, actualmente o máis baixo no conxunto do Estado.
Foi un punto de inflexión importante en 2005, o feito de que por vez primeira fose unha muller a nomeada para a presidencia do Parlamento. Así e todo, cun 34%, a Cámara rexistra a máis baixa presenza feminina de todas as cámaras parlamentarias do Estado, segundo a comparativa realizada polo Instituto da Muller, dependente do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais. Por grupos parlamentarios, en Galiza sentan no Parlamento 11 deputadas do PPdeG, 10 do PSdeG e 5 do BNG.
A nivel estatal, só os parlamentos de Castela-A Mancha (53,2% do total) e Euskadi (52%) sentan maior número de deputadas ca de deputados nos seus escanos. Destacan tamén nesta estatística os parlamentos de Baleares (49,2%), Valencia (45,5%), Castela e León (43,4%) e Madrid (42,5%). Na parte baixa e canda Galiza, aparece o Parlamento asturiano (33,3%).