Desde Ponte nas Ondas subliñan o interese mostrado polo director da Unesco, Koichiro Matsuura, e piden que o Goberno colabore coa presentación da candidatura galego-portuguesa.
Durante a pasada fin de semana, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, foi recibido en París polo director xeral da Unesco, Koichiro Matsuura. No encontro, o presidente aproveitou para expresarlle a Matsuura o interese de Galiza na candidatura da Torre de Hércules a Patrimonio da Humanidade, indicando que o Goberno agarda unha "resposta favorábel" a esta candidatura. Ademais, acordouse estabelecer un Memorando de Entendemento coa Unesco, un mecanismo de colaboración a nivel educativo, cultural e científico. Trátase dun documento pioneiro e que a nivel estatal só Cataluña subscribira.
No transcurso da xuntanza, foi o propio director xeral da Unesco quen se encargou de recomendarlle ao presidente da Xunta que Galiza, á que definiu como "terra rica en patrimonio inmaterial", debe presentar novas candidaturas á lista que a institución internacional abrirá en breve.
Desde o colectivo Ponte nas Ondas valoraban moi positivamente o interese mostrado por Koichiro Matsuura polo patrimonio inmaterial galego-portugués, subliñando que garante a receptividade para que Galiza presente propostas e "abre as posibilidades de inscribir en 2009 o patrimonio común galego-portugués na primeira Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial Mundial".
"As palabras de Kochiro Maatsura confirman a avalización que a Unesco fixo da Candidatura en 2005 no sentido de recoñecer un patrimonio dunha grande riqueza e diversidade, aspecto destacado na candidatura galego-portuguesa", indica Santiago Veloso, voceiro do colectivo, recordando que no informe remitido a ambos estados se recomendaba a súa nova presentación, definindo e concretando nunhas cantas mostras este patrimonio común.
A necesidade de colaborar para acelerar o proceso
Por este motivo, Ponte nas Ondas valora o compromiso do presidente da Xunta coa Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués "explicitado no Parlamento con anterioridade no sentido de aproveitar o traballo realizado pola nosa asociación, que xa está en mans do Ministério de Cultura de Portugal, para que Galiza e Portugal poidan ter a primeira inscrición en 2009". com esa fin, pídenlle unha entrevista urxente ao presidente para darlle conta dos traballos de reformulación da candidatura e coordinar a presentación da candidatura xunto cos gobernos español e portugués.