Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
HOMENAXE AO COMPOSITOR VIGUÉS

Todo o que a música galega lle debe a Enrique Macías

Morreu en 1995, e este vindeiro mes de maio cumpriría cincuenta anos un dos meirandes talentos das últimas décadas.

Redacción - 09:00 21/04/2008

"Un día chamei á porta de Antón Reixa e díxenlle: son un músico solitario e gústame o que facedes no grupo Rompente; dádesme cabida?". Hai unhas tres décadas falaba así Enrique X. Macías, un rapaz da xeración do Polycomander, brillante e curioso, que converxía deste xeito co núcleo da revolución estética e creativa que agromou en Vigo dacabalo dos anos setenta e oitenta, con expresións de vangarda na poesía (Reixa, Romón, Avendaño, Pexegueiro...), na música (Resentidos, Siniestro Total, Golpes Bajos...), nas artes plásticas e visuais (Antón Patiño, Menchu Lamas, e en xeral todo o grupo Atlántica) e da man de Macías tamén na música culta.

Macías converteuse nun dos compositores máis importantes da historia da música galega, máis recoñecido, así e todo fora de Galiza ca no propio país. Este ano, no que cumpriría cincuenta de non ter falecido en 1996, os departamentos de Cultura da Xunta e Concello de Vigo realizaranlle en maio unha homenaxe que debería constituír o comezo da devolución a Macías do posto que merece na historia da cultura galega.

A infinita curiosidade de Enrique Macías, e os estudos que durante anos realizou en Alemaña, Francia, Polonia, Holanda e Finlandia levárono a interesarse pola creación de estruturas sonoras significantes, da man da electroacústica, e a combinación de instrumentos tradicionais e elementos electrónicos, caracterizando as súas composición "unha escritura vocal persoal e pluriforme", como escribiu o portugués Jorge Peixinho, un dos máis importantes músicos contemporáneos do sur do Miño, e amigo persoal de Macías.

Críticos e admiradores
E é que Macías acadou máis éxito coas súas experimentacións fóra de Galiza ca no propio país. A "aristocracia musical galega" como a definiu Manuel Bragado, apegada ás formas musicais decimonónicas, desprezouno e criticouno sen descanso. Os ataques máis duros chegaron despois do ciclo de concertos que Macías realizou por encargo da Deputación de Pontevedra en 1983. Un grupo de músicos e críticos, encabezados por Juan Pérez Comesaña, publicaron un extenso artigo no Faro de Vigo no que realizaron, con grandes doses de demagoxia, unha crítica demoledora do recital, ateigada de descalificacións persoais. O artigo foi respondido de inmediato por unha carta, asinada por Reixa, Méndez Ferrín, Patiño, Pexegueiro, Ánxel Huete, Julián Hernández ou Manolo Romón, no que criticaban o "inmobilismo caciquil" e a "miopía estética" dos asinantes do primeiro texto.

Manuel Bragado
, director de Xerais e amigo persoal de Macías, destaca ademais da súa evidente calidade musical, os valores humanos do compositor, "un ser fascinante", a súa tenrura e a súa bonhomía, moi afastada a imaxe cultureta e solitaria que moitos tiñan del. Bragado lembra igualmente a paixón que compartiron polos primeiros Mac, a comezos dos anos noventa, e atribúe a falta de recoñecemento que até o de agora tivo a súa obra á "falta de cultura e educación musical" existente no país.

Os actos que terán lugar en maio deberían significar o inicio da posta en valor da extensa obra de Macías, composta por máis de trinta pezas, gravada polas máis importantes radios de Europa (RNE, Radio Finlandesa, Rai ou Radio France) e admirada polos entendidos en toda Europa.


4,64/5 (11 votos)


Comentarios (3)

dumiense #1 21/Abril/2008 dumiense
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Importante! Artigo no Pais que afirma que en Galicia non se pode escolarizar a un alumno en castelán. Indignante, necesitamos encher de comentarios esta nova, non podemos permitir máis mentiras!!!

Aquí o link:
http://www.elpais.com/articulo...

OBSERVADOR #2 21/Abril/2008 OBSERVADOR
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Também era importante saber valorizar o bom que temos (de preferência antes de o bom morrer). Isso ajudaria a nos defender perante as mentiras.

Celso #3 21/Abril/2008 Celso
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Macías foi um bom compositor, decerto. Interessante e diferente. Demonstrou que o país é capaz de produzir alta cultura (neste caso, a chamada música "culta"). Mas infelizmente o próprio país amiúde é ingrato com esta obra.

O mesmo se pode dizer do excelente compositor tudense Rudesindo Soutelo, http://www.soutelo.eu . Quem não tenha escutado a sua música não sabe o que está a perder. Além disso, o Rudesindo tem a única editora de música (de partituras) da Galiza, Arte Tripharia, http://www.artetripharia.eu , e escreve magníficas críticas musicais e culturais. Um verdadeiro luxo para a Galiza.

Concordo totalmente com Manuel Bragado: Não há educação musical no país. E as instituições e os poderes públicos amiúde desbanjam quartos apoiando só a música mais "digerível" (assim pensam). Será que há cousas que dão mais votos do que outras.

Saúde,
-celso

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: