Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Debate Zapatero-Rajoy

O candidato "galego" di que en Galiza non se respectan os dereitos dos castelán-falantes

Apenas unha alusión ao país a realizada por Mariano Rajoy e realizada ao fío do tema lingüístico.

Redacción - 09:00 04/03/2008
Tags:

"Fágolle unha proposta, vou facer unha lei para garantir que todos os cidadáns poidan mandar os seus fillos a estudar castelán en toda España. Porque nalgúns territorios non poden estudar castelán. Vostede dime despois se o apoia ou non". Así se pronunciaba o líder do PP, Mariano Rajoy, durante o enfrontamento que diante das cámaras tivo na noite deste luns co secretario xeral do PSOE, José Luís Rodríguez Zapatero. Ao respecto desta cuestión concreta, a única onde tanxencialmente se falou de xeito específico do noso país, o líder dos socialistas reprocháballe a Rajoy ter "utilizado os territorios para enfrontar e dividir".

"Presume de ter unha idea de España, pero defende a que a vostede lle interesa en cada momento", dixo Zapatero, "e se lle interesa facer unha tarefa contra o catalán no resto do Estado dicindo que se discrimina o castelán, pois faino". "Colleron o de Cataluña para crispar", dixo. Ao fío, Rajoy teimaba na mesma idea posteriormente e insistía en acusar a Rodríguez Zapatero: "Quedou claro que ao señor ZP lle parece ben que a unha persoa que rotule en castelán que a multen, e que haxa moitos cidadáns, non só en Cataluña, senón noutras, no País Vasco, empezan en Galiza, que non poidan estudar no seu idioma, algo que non acontece en ningún país do mundo", volvía a expoñer Rajoy.

Na web AGalega.info poden revisar o conxunto do debate así como cada unha das intervencións individuais. Tamén poden consultar o emitido ao remate da cita televisiva, onde a TVG reunía un grupo de analistas e xornalistas durante a emisión do espazo Hai Debate para reflexionar sobre o evento. Velaquí un resumo das posicións escoitadas:

Anxo Guerreiro
"Gañou claramente Zapatero. A primeira parte foi de KO. Houbo un presidente que explicou as liñas do seu programa e e un líder da oposición que parecía asumir que vai seguir nese posto"

Xosé Luís Gómez
"Zapatero está mellor na primeira parte, e na segunda parte Rajoy mellora moito en aspectos formais. Pero vexo moitos baleiros neste segundo enfrontamento"

Arturo Cerviño
"Na primeira parte a sensación era de que Rajoy estaba KO. Na segunda parte o candidato do PSOE perdeuse no tema das promesas sen compromiso orzamentario"

Xan Carballa
"Foi unha moviola do anterior debate. Parecía unha cousa repetida. Non sei que fixeron os asesores esta última semana. E no tema da lingua os seus propios simpatizantes en Galiza preguntaríanse que era o que estaba dicindo este home"

Luís Villamor
"A Rajoy sobroulle este segundo debate. Propuxo dúas pezas estelares para atacar, terrorismo e inmigración, e non saíu airoso de ningunha delas"

Roberto Blanco Valdés
"Rajoy fai o mesmo que no primeiro debate, non corrixe nada. Zapatero pasa a facer un debate de propostas. Rajoy só gaña na segunda parte, no debate sobre o modelo territorial"


  • 2,78 / 5
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4
  • 5
2,78/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: