Nin se conseguiu a reconstrución, nin se logrou a estabilización senón que, pola contra, as accións violentas sucédense sen interrupción. Artigo de Jesús Núñez Villaverde.
A preocupación, e até a alarma, que transmiten algúns gobernos aliados na OTAN sobre Afganistán son ben evidentes. Seis anos logo da posta en marcha da ISAF (Forza Internacional de Asistencia á Seguridade), e catro e medio despois de que a ONU pedise á OTAN que liderase esta misión, o país parece máis cerca do precipicio que nunca. Nese contexto hai que entender os últimos movementos do goberno estadounidense con algúns socios europeos e a reunión que acaban de celebrar en Vilnius os ministros de defensa da Alianza Atlántica.
Polo que respecta á situación sobre o terreo, non hai dúbida en confirmar que é altamente explosiva. Hamid Karzai- elixido de forma provisional, en decembro de 2001 (Acordo de Bonn), pola comunidade internacional como o mal menor para endereitar o rumbo dun país ao bordo do colapso e, definitivamente, validado pola urnas en outubro de 2004 como novo presidente para sacar ao país de vinte e cinco anos de guerra- non logrou nunca imporse como líder nacional. Nestes anos mostrou sobradamente a súa incapacidade para manexar a axenda nacional fronte aos señores da guerra (algúns dos cales figuran hoxe formalmente como compañeiros de goberno) e aos talibán, que re-emerxen con forza imparable. Non se logrou a estabilización senón que, pola contra, as accións violentas sucédense sen interrupción, xa non só nas rexións máis próximas á fronteira con Paquistán, senón estendéndose ao resto do territorio nacional. Tampouco se conseguiu a reconstrución afgá, sen que o empeño da comunidade internacional nin o labor dos 24 Equipos Provinciais de Reconstrución, permita cambiar as perspectivas de vida dunha poboación crecentemente frustrada, que bascula entre o apoio a uns talibán que volven ver como referentes e unha insistencia renovada no cultivo da mapoula opiácea (auténtica base económica do país). Nestas condicións nin sequera cabe asegurar que se cheguen a celebrar as eleccións previstas para o próximo ano, cunhas mínimas garantías de estabilidade e de esperanza no futuro.
A confianza en Karzai e nas forzas políticas e militares afgás, que deberían ser os protagonistas tanto da estabilización como da reconstrución, parecen estar a piques de esgotárense. En todo caso, é evidente que non hai ningunha opción mellor á vista e, talvez por iso, prodúcense reaccións aparentemente incomprensibles, como as críticas que o propio presidente afgán lanzou recentemente contra as tropas británicas despregadas no país ou o seu rexeitamento ao tamén británico lord Ashdown como enviado da ONU para coordinar todos os esforzos sobre o terreo. Cabería interpretar estes desaires como meros xestos para a galería de quen necesita mellorar desesperadamente a súa imaxe ante unha poboación que fai moito que deixou de confiar nos seus gobernantes.
Aos ollos da comunidade internacional- sobre todo da OTAN, que é quen lidera o ISAF, e de Estados Unidos, que desenvolve en paralelo a operación "Liberdade Duradeira" contra os talibán- parece claro que non cabe esperar demasiado dos actores locais para modificar as inquietantes tendencias actuais. Non cabe, xa que logo, máis opción que volver os ollos cara aos instrumentos propios para evitar un resultado definitivamente negativo nun territorio que se quixo converter no test da oposición ao terrorismo. O malo é que, neste terreo, as cousas tampouco pintan moito mellor. Nin os ao redor de 37.000 soldados do ISAF (con participación de 37 países, 26 deles da OTAN), nin os aproximadamente 16.000 estadounidenses integrados en "Liberdade Duradeira" lograron alcanzar os seus obxectivos militares. Todo indica, ademais, que a situación deteriórase por momentos e que, de non remedialo de inmediato, sairán moi tocados desta desventura tanto Washington, como suposto líder mundial empeñado en "salvar" a Afganistán, e a OTAN, que desenvolve aquí precisamente a maior operación militar da súa historia e que converteu a "guerra contra o terror" na súa tarefa máis sobresaliente.
Así se explica que se forzaran os usos e costumes habituais entre aliados nestes últimos días. Por unha banda, o Secretario de Defensa estadounidense, Robert Gates, comina directa e publicamente a Alemaña a que aumente a súa contribución á ISAF. Canadá, pola súa banda, ameaza abertamente con retirar os seus soldados se outros non aumentan o seu compromiso de xeito inmediato, precisamente nas provincias de maior nivel de violencia (o cal, talvez, lle facilitará a Francia realizar un novo xesto proestadounidense, en liña coa orientación que está dando o seu presidente á acción exterior gala, ao aumentar os seus efectivos na zona). Nesa mesma liña, a Secretaria de Estado, Condoleezza Rice, desprazouse ata Londres para comprobar ata onde chega o respaldo do seu, até o de agora, fiel aliado británico, e até cumpriu co xesto mediático e político de viaxar por sorpresa a Afganistán, co ministro británico de defensa como compañeiro de asento, para demostrar o seu interese e preocupación por mover as vontades dos aliados.
Para rematar, a OTAN acábase de reunir en Vilnius co específico propósito de lograr un novo acordo na repartición das cargas entre os membros da Alianza para sacar adiante a aposta realizada en Afganistán, xogando até co forzado argumento de que un fracaso alí suporía o fin da OTAN. Nada indica que dita reunión vaia cambiar drasticamente as cousas. O problema non é xa lograr o compromiso dos seus membros para achegar 7.500 soldados adicionais aos xa despregados no terreo, contando con que outros encontros anteriores fracasaron neste mesmo empeño. O reto adicional, pero tanto ou máis importante que o anterior, é conseguir que se modifiquen as diversas regras de enfrontamento que cada Estado impuxo ás súas tropas, o que dificulta até o extremo o emprego conxunto de ISAF en misións cada vez máis arriscadas. Haberá que ver se o xesto de Washington que, con 3.200 marines máis, é dos poucos que intentan contrarrestar a tendencia a escorrer o vulto, serve para convencer a outros da necesidade de ampliar os seus medios na zona, dotalos de novas regras de enfrontamento e empregalos en áreas de maior risco para a súa propia seguridade. Demasiadas cousas, probablemente, para o que cabe esperar hoxe dos que non ven claro o futuro dese país e móvense aínda con criterios esencialmente nacionalistas.